NUMAX

Encontro A cor das palabras con Chema García Ibarra, director de «Espíritu sagrado»

A última entrega deste 2021 do encontro A cor das palabras que organizamos co Concello de Santiago ten como protagonista a un dos maiores talentos do cinema español actual, Chema García Ibarra. Será o martes 7 de decembro ás 11:30 co título de «Descampados, ovnis e fabricación de calzado».

Fainos moitísima ilusión anunciar a última cita do ano no ciclo A cor das palabras coa visita do director ilicitano Chema García Ibarra. O cineasta, que se deu a coñecer nos últimos anos cunha serie de talentosas curtametraxes, vén de cativar a crítica e público co seu debut na longametraxe, Espíritu sagrado, que chega ás salas despois de competir nas seccións oficiais de Sevilla e Locarno. Para sabermos algo máis do proceso creativo do seu cinema, que combina unha mirada popular e costumista coa súa querencia polo excéntrico e o surreal, contaremos coa súa visita o martes 7 de decembro ás 11:30 co encontro «Descampados, ovnis e fabricación de calzado» no que falará de ciencia ficción doméstica, a metodoloxía de traballo con actores non profesionais, os filmes imposibles de catalogar nun xénero ou a rodaxe en espazos naturais.

O acceso á aula é libre até completar aforo se ben recomendamos reservar no correo [email protected].

Aproveitando a visita, o cineasta ofrecerá, na tarde do martes día 7, coloquio das súas curtametraxes e presentación da sesión do día de Espíritu sagrado. Xa podes reservar entradas na nosa web.