Cinema

Encontro «A cor das palabras» con Oliver Laxe

Reanudamos as actividades do ciclo A cor das palabras. Encontros con cineastas, organizado polo Concello de Santiago, coa visita do director galego Oliver Laxe para nos ofrecer os seus A esencia do lume. Apuntamentos sobre o proceso creativo de O que arde. Será o sábado 12 de outubro ás 11:30 no Cinema NUMAX.

Achégase a estrea do filme máis agardado da tempada. Tras triunfar en Cannes co Premio do Xurado - Un Certain Regard e a estupenda acollida no Festival de San Sebastián, temos o pracer de acoller en NUMAX a première de O que arde, terceira longametraxe do director galego nado en París Oliver Laxe. Un día despois da súa estrea, o sábado 12 de outubro ás 11:30 da mañá, poderemos descubrir todos os detalles que fixeron posíbel a concepción, gravación e desenvolvemento desta gran película. O encontro, baixo o título A esencia do lume. Apuntamentos sobre o proceso creativo de O que arde, ten entrada gratuíta até completar aforo e pódese reservar localidade no correo [email protected].

Lembramos que O que arde terá a súa estrea en NUMAX o venres 11 de outubro, con tres pases previos ao encontro para os que xa se pode reservar butaca na nosa web ou billeteira: https://numax.org/cinema/ficha/o-que-arde

O que arde relata a historia de Amador un home que sae da cadea tras cumprir condena por ter provocado un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida das montañas lucenses, onde volverá convivir coa súa nai Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. As súas vidas transcorren ao ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un lume violento arrasa a zona.

Nacido en 1982, Oliver Laxe medra entre Francia, España e Marrocos. As súas dúas primeiras longametraxes son premiadas no Festival de Cannes: Todos vós sodes capitáns recibe o premio FIPRESCI na Quinzaine des Réalisateurs en 2010 e Mimosas obtén o Gran Premio da Semaine de la Critique en 2016 e o Premio Especial do Xurado no Festival de Sevilla. En 2019, Oliver Laxe fai historia ao converterse no primeiro cineasta español xunto a Víctor Erice seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras e o único en ser premiado en todas as súas participacións. O que arde recibe o Premio do Xurado da Sección Oficial – Un Certain Regard de Cannes, o Premio á Mellor Creación Sonora da sección e compite nos festivais internacionais máis importantes da tempada, como San Sebastián, Toronto, Karlovy Vary ou Nueva York. NUMAX Distribución estrea o 11 de outubro O que arde, unha obra incandescente e portentosa, disposta a alumar co seu fogoo as mellores salas do país.