Libraría

Xa á venda o caderno "Tac tac tac" na Libraría NUMAX!

Esta publicación, comisariada por Suso de Toro, é o resultado da actividade literaria "Tac tac tac" desenvolta por oito escritores e escritoras na libraría NUMAX durante o ano 2017. Esta novidade de Xerais, unha edición numerada e limitada, reproduce os textos mecanografados, apuntes e fotografías, que sairon daquela experiencia, xuntando as obras de Margarita Ledo, Manuel Rivas, Xabier P. DoCampo, Marina Mayoral, Susana Sánchez Aríns, Pedro Feijoo, Xabier Queipo e de Suso de Toro.

"Tac Tac Tac" é o resultado excepcional dun proxecto excepcional. En 2017 Suso de Toro implicou oito escritoras e escritores para escribiren un texto en NUMAX cunha vella Olivetti, unha máquina de escribir en desuso que atesoura canda si o sabor de todo un tempo. Eran Margarita Ledo, Manuel Rivas, Xabier P. DoCampo, Marina Mayoral, Susana Sánchez Aríns, Pedro Feijoo, Xabier Queipo e o propio Suso de Toro. "Tac Tac Tac", publicado por Xerais, é unha edición limitada, numerada e asinada que reproduce, tal cal, aqueles textos mecanografados, para que, como di Suso de Toro no limiar, sintamos "a presenza das cousas, a aura do papel riscado á mantenta coa tinta".

Un libro fetiche, un libro único.