NUMAX

Novidades de horario e aforo en NUMAX

Desde o día de hoxe, venres 13 de marzo, no Cinema NUMAX aplicaremos unha redución do aforo da sala e o número de sesións diarias en coherencia coas recomendacións das autoridades sanitarias. Ademais, queda adiada a visita de Stefano Savona, director d'A familia Samuni, así como o seu encontro A cor das palabras programado para o sábado 14.

En NUMAX estamos atentas ás recomendacións das autoridades sanitarias e gobernamentais, que aplicamos de maneira inmediata. Nesta liña, desde hoxe mesmo reducirase o aforo de todas as sesións a un terzo das butacas para ampliar a distancia entre o público asistente. Por este motivo, recomendamos tamén a compra das entradas a través da nosa billeteira virtual en www.numax.org. Asemade, e seguindo as indicacións da Federación de Cines de España (FECE), tamén reducimos o número de sesións de tarde a 3 en lugar de 4, ampliando o tempo entre proxeccións para intensificar así a renovación do aire da sala e garantir a circulación fluída de persoas, evitando posíbeis aglomeracións no acceso e saída ao recinto.

A decisión do adiamento da viaxe a Santiago de Stefano Savona para evitar na medida do posíbel a realización de viaxes tomouse en acordo co Concello de Santiago, entidade organizadora do encontro A cor das palabras que se ía celebrar mañá sábado e que tamén se pospón. Igualmente quedan adiadas todas as presentacións programadas na Libraría até novo aviso.

Polo demais, o Cinema NUMAX continúa coa súa actividade diaria de proxeccións. A estrea d'A familia Samuni mantense sen novidade para o venres 13 de marzo, con pequenas variacións de horarios e presentacións. Ademais no pase de hoxe venres ás 19:15, contaremos coa presentación previa de Paula Fernández Franco, activista de BDS-Galiza.