Cinema

Pase especial de «O carnaval das almas» no ciclo «De lugares e órganos»

Un ano máis no Cinema NUMAX estamos moi felices de participar como sede do ciclo De Lugares e Órganos, organizado polo Concello de Santiago dentro do Festival C. Neste 2021 o filme escollida para afondar na relación entre o órgano e a arte do cinema é todo un título de culto da Serie B: O carnaval das almas.

Son moitos os elementos que fan d'O carnaval das almas unha obra mítica do cinema fantástico de baixo orzamento dos 60. Única longametraxe do seu director, o enigmático Herk Harvey, a fita sobrecolle pola conseguida atmosfera fantasmagórica da súa metraxe que nos sitúa, ao carón da protagonista, nalgún lugar entre o mundo dos vivos e o dos mortos. O filme enceta cun accidente que provoca a caída ao río dun coche no que viaxa Mary Henry, encarnada pola hipnótica Candace Hilligoss. May sae desorientada da beira do río pero axiña nota que o mundo que a rodea mudou. A liña que separa os vivos dos mortos faise cada vez máis borrosa.

No brillante uso que fai Harvey dos diferentes elementos expresivos do cinema -montaxes paralelas, orixinais encadres de cámara, distorsión da imaxe...- destaca a presenza do órgano dunha igrexa local que ocupa un lugar esencial na conformación da suxestiva e misteriosa ambientación do filme. Neste e outros aspectos, tanto musicais como cinematográficos, afondaremos no coloquio posterior á proxección, co que completaremos a actividade.

A sesión inclúese no ciclo De Lugares e Órganos, organizado polo Concello de Santiago e terá lugar o luns 30 de agosto ás 19:30h. As entradas poderán reservarse na nosa web ou na billeteira de NUMAX a partir do luns 2 de agosto ás 12:00 horas cunha tarifa xeral de 4€ por persoa.