Cinema

Cinefórum Social de Compostela + Solidaria

Un ano máis, somos sede e entidade colaboradora do Cinefórum Social de Compostela + Solidaria, organizado pola Coordinadora Galega de ONG e financiado polo Concello de Santiago. Este ano o ciclo componse de 2 sesións de curtametraxes de temática social, ambiental e de xénero, que se celebrarán os mércores 9 e 16 de xuño.

A escolma de curtametraxes do Cinefórum Social que fai parte da programación de Compostela + Solidaria dividirase en dúas sesións de tres curtametraxes cada unha. As pezas servirán como ferramenta de reflexión arredor de relevantes problemáticas universais pero que afectan de maneira máis acusada os países subdesenvolvidos. O esgotamento de recursos hídricos e naturais, a violencia de xénero ou as desigualdades estruturais entre os países do Norte e do Sur son algúns dos eixos transversais da proposta. Cada unha das sesións estará acompañada por sendos coloquios en liña a cargo de autoras das pezas.

As sesións teñen entrada gratuíta até completar aforo, se ben recomendamos reserva previa. As entradas para cada unha das sesións estarán dispoñibles en web ou billeteira os venres anteriores a cada pase, cun máximo de 2 entradas por persoa.

Mércores 9 de xuño - 20:00h

Ava Kuña, Aty Kuña. Mulher indígena, mulher política (Guilherme Augusto Sai, Brasil, 25')
Rexistro do Kuñangue Aty Guasu, a grande asemblea de mulleres indíxenas Kaiowá e Guaraní que tivo lugar na cidade de Amambaí, en Mato Grosso do Sul, en xullo de 2018. O documental visibiliza a loita das mulleres indíxenas contra o patriarcado, o racismo e o auxe do capital transnacional que, a través dos transxénicos e a contaminación, poñen en risco o futuro das comunidades indíxenas.

Siluetas de agua (Violeta Paus, Chile, 30')
A sequía e a contaminación polos verquidos das industrias nas chamadas "zonas de sacrificio" deron lugar a importantes conflitos arredor da auga nas últimas décadas en Chile. A partir do testemuño de tres mulleres do rural chileno, o documental analiza os modelos capitalistas e extractivistas como xeradores de desigualdade e inxustiza.

¿Dónde estabas tú? (María Trénor, España, 19')
Curtametraxe de animación que nos interpela directamente arredor dunha problemática transversal e universal como é a violencia de xénero. A partir de tres relatos reais a cargo de mulleres que contan diferentes episodios de violencia patriarcal, a directora elabora unha coidada animación en 2D que ilustra e acompaña os testemuños procedentes de España, Mozambique e Filipinas.

* Coloquio final con Guilherme Augusto Sai e Fabi Medina, director e directora de Ava Kuña, Aty Kuña. Mulher indígena, mulher política

Mércores 16 de xuño - 20:00h

El centinela de piedra (Ana L'Homme, Chile, 28')
Partindo da lenda do centinela de pedra do Monte Aconcagua, a narradora viaxa a través dun val chileno, historicamente fértil, que hoxe está seco e vai entrevistando a persoas que develan algunhas causas desta situación. Mentres, vaise organizando a rebelión social chilena de 2019. Cun ton poético, o filme denuncia como as grandes corporacións e os latifundistas esquilman os acuíferos, condenando á desaparición aos habitantes da zona.

Águilas (Maite Zubiaurre & Kristy Guevara - Flanagan, México-EEUU, 14')
As Aguias do Deserto son unha organización que busca e auxilia os migrantes perdidos nas desérticas fronteiras entre México e os Estados de California e Arizona. As desigualdades Norte-Sur póñense de manifesto nestas partidas de rescate que van encontrando ósos e restos humanos neste árido territorio.

Bocamina (Miguel Hilari, Bolivia, 22')
Multipremiado documental que viaxa ao Cerro Rico de Potosí, en Bolivia, introducíndose no interior da mina pero tamén na vida en superficie, onde crianzas e adolescentes dialogan co director sobre fotografías antigas e imaxes da mina. Son realmente imaxes doutros tempos?

* Coloquio final con Ana L'Homme e Daniela Albornoz, da curtametraxe El centinela de piedra