O Cinema NUMAX súmase ao European Award Season
Nos vindeiros dous meses NUMAX fará parte do European Award Season, unha iniciativa da Academia do Cine Europeo que ten por finalidade a posta en valor da cinematografía continental e que culminará o 17 de xaneiro de 2026 coa entrega dos Premios do Cinema Europeo. A nosa programación semanal incluirá, como é habitual na nosa grella, un importante número de filmes europeos na carteleira, ao que sumaremos un Foco exclusivo con títulos clásicos, modernos e contemporáneos.
No Cinema NUMAX estamos moi felices de sermos unha das sete salas do Estado español incluídas no European Award Season, unha iniciativa que botou a andar o pasado 18 de novembro, día no que se fixeron públicas as candidaturas aos Premios do Cinema Europeo, e que terá como punto culminante a cerimonia de entrega dos premios o 17 de xaneiro do ano que vén. Nestes dous meses, salas de prestixio de todo o continente ofrecerán unha programación especial de promoción do cinema europeo.
No noso caso, o cinema europeo será como é habitual en NUMAX, preponderante na nosa grella, con estreas xa confirmadas de países como Noruega (Soños en Oslo), Romanía (Kontinental '25), Francia (O estranxeiro, Nouvelle Vague) ou o propio Estado español (Ciudad sin sueño, Flores para Antonio, Aro Berria, Ariel). Pola nosa sala pasarán catro dos filmes finalistas dos Premios do Cine Europeo: Olivia y el terremoto invisible (Irene Iborra Rizo) actualmente en carteleira na sección Petís NUMAX, A voz de Hind (Kaouther Ben Hania), Little Amélie (Maïlys Vallade, Liane-Cho Han) e Valor sentimental (Joachim Trier), que tamén é candidata ao Premio do Público LUX. A estas estreas de carteleira sumamos as nosas habituais programacións paralelas, onde destaca o foco ao documentalista Chris Marker, un dos cineastas que mellor soubo radiografiar as mutacións históricas e políticas do continente europeo.
Alén da programación semanal, desde NUMAX organizaremos un pequeno Foco composto por tres obras que consideramos de gran relevancia no avance da cinematografía continental. Arrancaremos o xoves 18 de decembro con Europa 51, unha das obras máis íntimas e emocionantes do pai do Neorrealismo italiano, Roberto Rossellini, cunha histórica interpretación principal de Ingrid Bergman. O filme é ademais unha das inspiracións confesas de Kontinental '25, de Radu Jude, película que estreamos o 12 de decembro e que disecciona como poucas algúns dos principais retos e problemáticas da sociedade europea contemporánea.
Xa en xaneiro de 2026 ofreceremos a nosa propia homenaxe ás dúas gañadoras de honra dos Premios de Cinema Europeo desta edición, a actriz e directora Liv Ullmann, de quen proxectaremos Persona, de Ingmar Bergman, e a nosa admirada Alice Rohrwacher, de quen repoñeremos a fermosa A quimera.
Esta actividade conta coa apoio de Europa Creativa MEDIA e Eurimages e a colaboración de Europa Cinemas, CICAE e European Film Promotion.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Sans soleil
VOSE
-
-
Soños en Oslo
VOSE