Cinema

Foco Jonás Trueba, estrea e presentacións co cineasta

O mes de agosto ten un gran protagonista en NUMAX: Jonás Trueba. O talentoso director madrileño volve visitarnos para acompañar a estrea do seu novo filme, La virgen de agosto. Aproveitando o acontecemento proxectaremos durante todo o mes de agosto un Foco coa obra case íntegra do cineasta.

Foco Jonás Trueba

Desde que en 2010 Jonás Trueba irrumpise no panorama cinematográfico con Todas las canciones hablan de mí (2 Nominacións aos Goya) o director madrileño desenvolveu un dos itinerarios máis suxestivos e renovadores do cinema de autor neste país. Este mes de agosto temos a honra de proxectar súa última proposta, La virgen de agosto, historia dunha moza que decide pasar o agosto en Madrid para ver as cousas doutro xeito. Á súa troupe de confianza (o director de fotografía Santiago Racaj, a montadora Marta Velasco e un elenco encabezado por Itsaso Arana e Vito Sanz) súmase a refrescante achega musical de Soleá Morente. Tras triunfar en Karlovy Vary (Premio FIPRESCI, Mención Especial) La virgen de agosto ten a súa estrea o 16 de agosto e, en NUMAX, teremos o luxo de contar coa presenza de Jonás Trueba para ofrecer presentación e coloquio o xoves 22.

Co gallo da esperada estrea en NUMAX decidimos artellar un apaixonante Foco que nos permitirá gozar da evolución dun cineasta que, desde 2010, pasou de promesa a firme realidade:

O director

Jonás Trueba (Madrid, 1981) é guionista, escritor e un dos directores máis talentosos do cinema de autor español da última década. Admirador confeso de cineastas clásicos (Buster Keaton, Mizokuchi), modernos (Truffaut, Mekas) e contemporáneos (Sang-soo), Trueba despunta en 2010 con Todas las canciones hablan de mí, que acada dúas nominacións aos Goya. Con Los ilusos (2013) Francesco Carril recibe o premio ao mellor actor no BAFICI namentres Los exiliados románticos (2015) triunfa en Málaga co premio especial do xurado e á mellor música. Antes de La virgen de agosto asina La reconquista (2016), que puidemos gozar na súa estrea en NUMAX, seleccionada en festivais como Donostia ou Mar del Plata.