Cinema

Volven os LUX Film Days coa proxección en NUMAX de dous dos filmes finalistas

Por terceiro ano consecutivo, o Cinema NUMAX foi designado como unha das sedes participantes nos LUX Film Days, unha iniciativa promovida por Europa Cinemas, o Parlamento Europeo e o Programa MEDIA Europa Creativa, que inclúe a proxección simultánea en 24 salas de toda Europa dos filmes finalistas aos premios LUX.

O Premio LUX é un galardón que cada ano outorga o Parlamento Europeo a aqueles filmes que mellor ilustran os valores sociais europeos e a súa diversidade cultural. Os tres filmes finalistas serán proxectados en 24 salas de toda Europa de maneira simultánea, nun acontecemento único que inclúe a presentación por parte dos directores do filme en streaming e a posibilidade de participar no coloquio posterior co equipo desde Bruselas, vía twitter e Facebook. O Cinema NUMAX é unha das salas españolas participantes neste evento tan especial, coa proxección de dous dos tres filmes finalistas:

PROGRAMA en NUMAX

Xoves 7 de novembro | 20:00
El Reino
De Rodrigo Sorogoyen
España/Francia, 2018 – 132 min | VO
Un thriller que expón a corrupción política a través da caída dun político e do seu feudo, que parecía construído para durar para sempre.

Venres 8 de novembro | 20:00 - Filme dentro do Festival Cineuropa
Cold Case Hammarskjöld
De Mads Brügger
Dinamarca/Noruega/Suecia/Bélxica, 2019 – 128 min | VOSE
A historia dunha provocadora investigación á morte do Secretario Xeral das Nacións Unidas, Dag Hammarskjöld, en 1961.

O acceso a ambas sesións é gratuíto até completar aforo. Podes reservar convite na nosa billeteira a partir do luns 4 de novembro, cun máximo de dúas entradas por persoa.