Cinema

Masterclass de Diana Toucedo arredor de Chantal Akerman e Agnès Varda

A sesión dobre Varda / Akerman coa proxección dos seus últimos e extraordinarios traballos virá precedida dunha clase maxistral en NUMAX de Diana Toucedo, realizadora dunha das máis fermosas longametraxes do ano pasado, Trinta lumes, e tamén montadora e docente excepcional na Universidade Pompeu i Fabra e na ESCAC, onde actualmente está ao cargo do departamento de Documental/Non-ficción. Diana analizará estes dous filmes e, por extensión, o cinema de dúas das cineastas máis importantes (do xénero que sexa) da historia do cinema. Será o domingo 17 ás 12:00.

 

Do programa de Cineuropa:
"Nesta edición de Cineuropa, na que a ollada feminina e os filmes de mulleres teñen protagonismo na meirande parte das seccións, pensamos que, a pesar de non ser posible unha representación xusta do infinito feixe de realizadoras poderosas ao longo da historia do cinema, habería un baleiro verdadeiramente importante se non faciamos referencia a dous puntais extraordinarios: Agnès Varda (falecida este mesmo ano) e Chantal Akerman (desaparecida hai case cinco). A historia destas dúas apaixonantes cineastas belgas está ligada indisolublemente á propia historia da sétima arte. O festival quere renderlles homenaxe a estas dúas mulleres que coa súa obra expandiron os muros do cinema a base de mestría, compromiso, militancia e unha honestidade vital e profesional que serve de espello a xeracións enteiras de cineastas e espectadores dun cinema que non morrerá xamais. Imaxes sempre en presente de indicativo.

A unión destas dúas mestras do cinema de distintas xeracións, cunha filmografía con tantos puntos en común como diferenzas, é, no fondo, unha escusa para proxectar gran cinema. Neste caso, os seus dous últimos traballos, Varda per Agnès e No home movie, constitúen dúas miradas íntimas e autobiográficas cara si mesmas que teñen tanto de compendio da súa obra coma da súa forma de ver e enfrontarse ao mundo. Imaxes perdurables, sempre novas, transidas todas por unha firmeza e decisión tales que chegan ao público dun xeito directo, único e inimitable."