Cinema

Bota a andar Petís NUMAX con «As aventuras da toupiña»

O sábado 27 de abril arranca Petis NUMAX, unha liña de programación para matinais de fin de semana especialmente dedicada a crianzas. A primeira cita será cun clásico da animación checa: As aventuras da toupiña.

As sesións toupiña de NUMAX son unha ocasión perfecta para a iniciación no cinema en pantalla grande das máis pequenas da casa, pero poden ser gozadas por espectadoras de todas as idades. Petís NUMAX selecciona obras de contrastada calidade artística cheas de divertidas aventuras e valores formativos e educativos. A actividade conta cun prezo especial reducido de 4€ para menores de 13 anos e os pases serán en versión orixinal subtitulada, cunha selección que prioriza obras sen diálogos ou de doada comprensión. Velaquí as nosas dúas primeiras propostas:

Sábado 27 de abril | 11:30
As aventuras da toupiña (Zdeněk Miler, 1969-1975, 40')
Descubrimos o mítico personaxe da animación checa que deu a volta ao mundo: a toupiña. A súa curiosidade e picardía lévano a vivir unhas aventuras divertidas e entrañábeis, que darán as delicias de nenos e nenas. Unha produción única cargada de valores positivos como a amizade, o ecoloxismo, a creatividade ou o respecto á diferenza.

Sábado 18 de maio | 11:30
O malvado raposo feroz (Benjamin Renner / Patrick Imbert, 2017, 79')
Quen pense que o campo é un lugar tranquilo e pacífico trabúcase, alí atópanse animais particularmente axitados, un raposo que se cre polo, un coello que fai de cegoña ou un pato que quere reemprazar a Papá Noel. Mellor filme de animiación nos Premios César 2017