Libraría

Presentación do ensaio «Regla y tiempo real» de Pablo Seoane

O vindeiro xoves 3 de xuño ás 19:30 presentaremos na Libraría NUMAX o ensaio Regla y tiempo real. Improvisación, interpretación y ontología de la obra musical (Athenaica, 2020) do músico e investigador Pablo Seoane. O autor estará acompañado por Xavier de Donato, profesor da Facultade de Filosofía da USC, e do poeta Estevo Creus.

O músico e investigador Pablo Seoane aborda nas páxinas deste ensaio Regla y tiempo real cuestións que queren contribuír a esclarecer determinados aspectos básicos arredor das prácticas musicais e do noso trato coas artes en termos xerais, dende disciplinas complementarias como a estética, a musicoloxía ou a ontoloxía da arte. 

Na presentación do libro, que terá lugar o xoves 3 de xuño ás 19:30 horas, intervirán ademais do autor, o profesor Xavier de Donato e do poeta Estevo Creus. A actividade ten prazas limitadas e cómpre reservar previamente no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das páxinas de NUMAX en Facebook e Instagram (@numaxcoop).

Pablo Seoane (Ferrol, 1968) estudou música, filosofía, filoloxía inglesa e literatura norteamericana nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca, Wake Forest (USA) e Durham (UK). Na actualidade está a rematar a súa tese doutoral sobre filosofía da música. Desde hai máis de dúas décadas desenvolve unha actividade regular como pianista e compositor en ámbitos próximos ao jazz, a improvisación, a música contemporánea, a performance e o teatro. Escribe tamén sobre estética, metafísica e filosofía da música, entre outros asuntos, e traduciu a autores coma H. D. Thoreau, Samuel Beckett, Harold Pinter ou Guillaume Apollinaire. Entre os seus últimos traballos destacan Parábase (obra para os dous órganos xemelgos da basílica de San Salvador de Lourenzá, 2017), Novia China, Buena Suerte (CD piano solo, 2020), Phármakon (obra escénica e musical para óboe, corno inglés, viola e dous actores, 2021) ou o ensaio que presentará en NUMAX Regla y tiempo real. Improvisación, interpretación y ontología de la obra musical (Athenaica, 2020).