Libraría

A tradutora María D. Armental presenta «Poemas escollidos» do poeta escocés Douglas Dunn

A tradutora boirense María D. Armental presentará na Libraría NUMAX o libro Selected Poemas / Poemas escollidos do escritor Douglas Dunn. Trátase da primeira publicación traducida ao galego do autor escocés. Na presentación, que terá lugar este xoves 9 de xuño ás 20:30 da tarde, participará tamén o docente Ramón Bouzas. A entrada é libre ata completar aforo. 

Os poemas do escritor escocés Douglas Dunn xa se poden ler en galego en Selected Poems / Poemas escollidos grazas á tradución da profesora de lingua inglesa María D. Armental. Un libro que foi posible grazas á HFD Editorial e á Asociación Cultural Barbantia en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo. Unha publicación de poemas seleccionados, en versión en inglés-galego, que destacan pola unión de realismo crítico, as imaxes surrealistas e a métrica. Na presentación, que terá lugar o xoves 9 de xuño ás 20:30 horas, a tradutora realizará un percorrido pola vida e a obra de Dunn ademais de ler algúns dos seus poemas para o público que se achegue á Libraría NUMAX. No acto María D. Armental estará acompañada polo docente Ramón Bouzas Lorenzo. A entrada é libre ata completar aforo.

Se non podes acudir á presentación recorda que o acto será retransmitido por streaming na nosa páxina de Instagram (@numaxcoop).

Douglas Dunn (1942, Glasgow) é un dos poetas escoceses máis recoñecidos do Reino Unido. A finais de 1964 múdase a Ohio, as súas paisaxes rurais e a literatura americana deixaron unha marca indeleble nel como poeta e escritor influído pola poesía de Whitman, Frost, Lowell ou James Wright. A súa rica experiencia literaria e vital en América alentouno a estudar Filoloxía Inglesa e en 1969 licénciase pola Universidade de Hull. Sendo o seu mentor, o bibliotecario e célebre poeta inglés Philip Larkin, publica o seu primeiro libro de poesía Terry Street (1969), que lle valeu  o recoñecemento polo seu estilo pioneiro en explorar a vida cotiá da clase traballadora dunha barriada de Hull e co que gañou o Geoffrey Faber Memorial Prize. Ao longo da súa vida, Dunn escribe outros poemarios como The Happier Life (1972), Love or Nothing (1974), Barbarians (1979), St Kilda´s Parliament (1981), Europa´s Lover (1982) que recolle as preocupacións polos marxinados e silenciados da historia de Europa ou Elegies (1985), co que conseguiu o recoñecemento internacional e o prestixioso Whitbread of the Year Award. En 1991 foi nomeado catedrático de Filoxía Inglesa na Universidade de St Andrews, onde tamén exerceu de director do Instituto de Estudios Escoceses ata que se retirou en 2008. 

María D. Armental (Boiro) Estudou Filoloxía Inglesa na Universidade da Coruña, onde desenvolveu unha tese de doutoramento sobre as novelas das escritoras escocesas Willa Muir, Jessie Kesson e Janice Galloway no contexto teórico da obra da filósofa Hélène Cixous. Antiga coordinadora e asesora para España dos cursos de verán da Universidade de St Andrews, traballa na Coruña como profesora de lingua inglesa, tradutora e como asesora de cursos de inglés para estudantes españois no centro de linguas da Universidade de Cork, Irlanda.