Libraría

Vídeo resumo de «Memorias dunha amnésica», de Macarena Montesinos

Ofrecémosvos o primeiro vídeo resumo dos Discursos en acción, un ciclo organizado pola Libraría NUMAX que buscaba o intercambio e a reflexión do público coa arte fóra dos contextos ou contedores artísticos tradicionais. Co apoio da Área de Cultura da Deputación de A Coruña e comisariado por Performa, Discursos en acción converteu NUMAX nun espazo onde ensaiar propostas entre o divulgativo, o artístico, o escénico ou o audiovisual.

Macarena Montesinos presentou na súa intervención dos “Discursos en acción”, titulada «Memorias dunha amnésica», a súa faceta máis íntima nun novo formato a cabalo entre o concerto e a conferencia. Nesta proposta reflexionaba sobre cuestións relativas ao mundo sonoro e a música a través dos seus propios pensamentos en diálogo con outros pensadores, filósofos, compositores ou músicos. A música é algo máis que a organización dos sons? Os sons poden vivir sen a música? A música pode vivir sen os sons? A música proporciona algo máis que emocións? A música é a arte da memoria?

 

 

Macarena Montesinos é violoncellista, improvisadora, artista visual e investigadora no campo da arte sonora. Actualmente é persoal docente investigadora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo, onde estuda a relación que existen entre as partituras gráficas, a improvisación sonora e a arte de acción. Integrante dos grupos de improvisación sonora 23RedAnts, do cuarteto de corda Suelen Estar Quartet, do trío Fonogenia, da Orquestra de improvisación dirixida Metamovida, da Orquestra de Música Espontánea de Galicia OMEGa e do dúo de sonorización en directo de cine 16mm. Música de longa traxectoria, participou, neste último ano, no Festival de Cine Filmadrid, en Tabakalera Donostia, no MUSAC, e en concertos didácticos impartidos en museos como o CGAC ou o MUNCYT de A Coruña. Hoxe en día ten máis dunha ducia de discos publicados en selos discográficos europeos e americanos.No eido das artes escénicas traballou e realizou varias estancias de investigación en proxectos das coreógrafas Mercé de Rande, Mónica García, Ánxela Blanco e Nuria Sotelo. No mundo da arte de acción, ademais de desenvolver accións en solitario, colaborou en producións de María Roja, Alba Blanco, Idoia Zabaleta ou Berio Molina, con quen levou a cabo no 2019 o proxecto Piqui Piqui na Sala X de Pontevedra, dentro da Residencia Paraíso do colectivo rpm. Traballa de forma asidua na composición e interpretación para producións audiovisuais.