Cinema

7 Limbos, Ryuichi Sakamoto e John Zorn no WOS Cinema x NUMAX

Por quinto ano consecutivo o WOS Festival x SON Estrella Galicia vívese en NUMAX. O festival compostelán de referencia para a cultura alternativa e de vangarda achéganos a figuras de culto da música contemporánea como Ryuichi Sakamoto ou John Zorn, xunto ao filme galego 7 limbos. O programa, deseñado polo socio de NUMAX Marcos Flórez, terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro.

Xoves 12 de setembro | 20:00
Ryuichi Sakamoto: CODA (Stephen Nomura Schible, 2017, 102')
Entre as inspiracións que recolle Ryuichi Sakamoto: Coda atópanse as composicións corais para órgano de Bach, as películas e fotografías de Andrei Tarkovsky, as palabras de Paul Bowles e J. Robert Oppenheimer, e sons da natureza recompilados en lugares tan afastados como un glaciar do Círculo Polar Ártico ou o lago Turkana, Quenia, onde foron achados os restos humanos máis antigos do mundo. Realizada ao longo dun período de cinco anos durante o cal o compositor xaponés foi diagnosticado e tratado dun cancro de gorxa, a película presenta un retrato afectuoso e reflexivo que rara vez se mostra persoal e, con todo, irradia sinceridade. A película sitúa ao seu suxeito como un activista socialmente comprometido mentres sutilmente aborda a súa influinte e ampla carreira de cinco décadas na música, sen buscar un relato exhaustivo. Nomura Schible mostra pouco interese en detalles biográficos convencionais nin nunha cronoloxía profesional estrita. Con todo, a partir da estrutura discursiva da película despréndese unha visión expansiva da ecléctica obra de Sakamoto e do pensamento que infunde en cada nova peza.

Venres 13 de setembro | 20:00
7 Limbos (Berio Molina / Alexandre Cancelo, 2019, 71')
* Presentación e coloquio con Berio Molina, Alexandre Cancelo (directores do filme) e Miguel Prado (membro do grupo HARRGA e participante no filme)
Sete grupos de enmascarados recorren diferentes paisaxes. Nas súas codias levan fósiles debuxados, a presenza dunha identidade descoñecida. Cos seus movementos golpean o chan das cidades e fan vibrar as súas estruturas, a súas construcións, modificando a paisaxe sonora que escoitan os seus habitantes. Contemplan en silencio o colapso das ruínas mentres asisten á morte do legado utópico dos seus creadores. Capturan o vento mentres menean o seu corpo, revelando as voces que foron separadas da linguaxe, os ruídos que foron quitados dos obxectos. 7 Limbos vólvese cara ao espectador e convídao: Ven bailar comigo, non traias nada. 7 Limbos é unha viaxe sonora polas veladuras do espectral.

Sábado 14 de setembro | 16:15
Zorn I (2010-2017) (Mathieu Amalric, 2017, 54')
En eterno proceso. Así podería describirse o traballo do actor e director Mathieu Amalric xunto ao mítico músico de Queens (NYC) John Zorn. En 2009, a canle de televisión Arte propón a Amalric filmar un retrato sobre a figura de Zorn. Axiña ambos artistas danse de conta de que un encargo así «sería como encerrar a un animal salvaxe nun zoo» (en palabras do propio Amalric), pero o desexo de filmar ficou. Así, durante oito anos, Amalric e Zorn rexistran de forma absolutamente libre cada un dos seus encontros, nun universo musical sempre en proceso; sen final.