De lentejas y caviar

Levamos un tempo aumentando o noso fondo de libros sobre cociña. Máis que de receitas, buscamos aqueles libros que reflexionan sobre o feito de comer. En febreiro chegou De lentejas y caviar (Col&Col) do divulgador gastronómico Jorge Guitián e xa é un dos nosos títulos máis recomendados. É un libro pequeno, pero que abre todos os melóns que se poden abrir arredor da cociña hoxe en día. Que é a denominada alta cociña? Que é a tradición cando se fala de comida? Que relación co entorno teñen os proxectos de restauración? Que papel pode ter a cociña vexetal? A cociña pode ser arte? Un libro que radiografía o sector da crítica gastronómica e da restauración para abrir novas miradas sobre como foron, son e poden ser.  

Seguir lendo

La boca llena de trigo

Tiñamos moitas ganas de ter entre as mans La boca llena de trigo (Anagrama), a primeira novela de Mayte Gómez Molina, de quen somos moi fans despois de ler os seus anteriores libros de poesía, Los trabajos sin Hércules (Hiperión) e Circuito cerrado de vigilancia (Cielo santo). Anna, a protagonista desta novela, é pintora e unha prestixiosa galería encárgalle unha serie de cadros. Este é o punto de inicio da novela, que con sucesos mínimos constrúe un mundo interno cheo de movemento, con metáforas intelixentes e tinadas, e referencias a obras de arte que encaixan á perfección. Ademais da trama principal, o libro está poboado por medos e inseguridades, por unha crise creativa, polo sentimento de impostora e por unha amizade que se afasta sen dicir o motivo.

Seguir lendo

¿Por qué son tan lindos los caballos?

A escritora arxentina Julieta Correa conta en ¿Por qué son tan lindos los caballos? (Comisura, 2026) a historia dunha nai e dunha filla. Concretamente, sobre a súa nai, Sari, sobre a demencia e sobre todo o brillante (se pode quedar algo aí) da perda. Sen lugar para a autocompaixón, Julieta rexistra o momento no que a cabeza da súa nai de desordea e perde as palabras, mentres constrúe o relato que Sari non deixou de contar ao longo da súa vida (a través de fotografías, debuxos, anotacións...) e que, á súa vez, non pode contar agora. A narradora (a propia Julieta) vai anotando recordos que non lle pertencen, unha frase divertida, anacos dun diario, unha escena do barrio, xuntanzas familiares, paseos, anécdotas e coidados; acumúlaas e xúntaas como se fose un collage. E faino dun xeito luminoso e nada triste, no que trata de coñecela máis, entendela e honrala cos seus apuntes. Un libro precioso, recomendamos moito! 

Seguir lendo

Didion e Babitz

Eran dúas forzas opostas pero perfectamente alineadas. Eve Babitz e Joan Didion, dúas escritoras con formas antagónicas de concibir a creación literaria e a vida: unha era observadora, disciplinada e misteriosa; a outra enxeñosa, lanzada e caótica. Lili Anolik reconstrúe neste libro editado por Random House a súa relación, repasando as vidas destas referentes literarias da escea anxelina dos anos 60 e 70. Se a autora de El año del pensamiento mágico e Noches azules morreu o 23 de decembro de 2021 sendo unha celebridade, Babitz fíxoo seis días antes, semi esquecida nun piso de Santa Mónica. Anolik, editora de Vanity Fair, tivo acceso en xaneiro do 2022 ao contido dunhas caixas que a familia de Babitz atopara no fondo dun armario. Dentro había cartas, diarios, fotos e manuscritos que, xunto cun centenar de entrevistas con persoas do seu entorno e da súa época, serviron de base para esta dobre biografía. Que supón, por un lado, a recuperación da figura de Eve Babitz, pero tamén a reconstrucción do relato tendo en conta á súa antagonista, Joan Didion. 

Seguir lendo

Os libros máis vendidos en Numax no 2025

Comezamos o ano compartíndovos a nosa lista de libros máis vendidos do 2025! Hai títulos que se atopan en todas as listas do ano e outros que están aquí porque tivemos a sorte de presentar. Moitas grazas a todas as autoras que nos acompañastes nestes meses. Por un 2026 cheo de lecturas, de visitas de escritoras e de descubrir libros xuntas! Feliz ano de parte das libreiras de NUMAX!

Seguir lendo

💝 Os nosos libros favoritos (2025)

Nesta nova lista facemos recapitulación dos libros que máis nos chiflaron en 2025. Aquí vos deixamos un resumo das nosas lecturas que, coma sempre, inclúen títulos deste ano, tesouros almacenados nas nosas bibliotecas persoais e outros que non son novidade pero que nos enchen igual o corazón. Cada libreira de NUMAX elixiu os seus favoritos e (case) todos se poden atopar nos nosos estantes! 💝 

Seguir lendo

🎄 🎁 Máis de corenta ideas de agasallos para este Nadal

Neste 2025 pasaron moitos libros polas nosas mans que vos recomendaríamos sen dubidar. Fixemos esta escolla de títulos publicados este ano para axudarvos neste difícil proceso de atopar o agasallo perfecto.

HORARIOS DE NADAL DA LIBRARÍA:
Mércores 24 e mércores 31 de decembro abrimos de 10:30h a 14h00 / 16h00 - 18h00.
Luns 5 de xaneiro de 2026 abrimos de 10:30h a 14h00 / 16h00 - 18h00. 

O resto de días teremos o horario habitual:
De luns a sábado: de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30. O martes 23 de decembro abriremos pola mañá.

O 25 de decembro de 2025 e o 1 e 6 de xaneiro de 2026 estaremos PECHADAS. 

Seguir lendo

El día que Nils Vik murió

Hai libros que esperamos desexosas, outros que nos entran polo ollo nada máis chegar á libraría e hai uns nos que tardamos en reparar e acaban sendo dos mellores. Este é un deses últimos. Un amigo que sempre nos fai moi boas recomendacións díxonos que lésemos El día que Nils Vik murió (Anagrama) de Frode Grytten. O título é unha boa descrición do que é o libro: o último día de vida de Nils Vik, un home maior que traballou sempre pilotando un transbordador nun fiordo de Noruega. A premisa soa desalentadora, pero o ton do libro é de paz e quietude. O narrador decide que chegou o seu momento e non hai drama nesa decisión. A súa última xornada transcorre atravesando o fiordo no seu barco e atopándose polo camiño coa presencia da súa cadela Luna (❤️), que morreu hai anos, e coa de outra xente que formou parte da súa historia e que xa non vive. Deste xeito, o libro transfórmase nunha historia coral das vivencias que aconteceron nese barco e nese recuncho do mundo. Todas elas impregnadas da bondade e do amor pola vida de Nils Vik. 

Seguir lendo

O país invisible

Este ensaio de Arturo Lezcano recolle historias sobre a emigración, exilio, desarraigamento, promesas, enganos, supervivencia, vergoña e orgullo. Italianos, irlandeses e xudeus souberon contar as súas epopeas en libros e filmes, pero os galegos, outro dos grandes pobos migrantes do século XX, non contaban, ata o de agora, cun gran relato sobre a súa diáspora. É aquí, O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega, publicado a finais de 2025 pola editorial Libros del K.O. Guiado pola desmesura de vinte anos de viaxes e mudanzas, entrevistas e lecturas e armado coas ferramentas do reporteirismo minucioso, Lezcano asina unha obra monumental que se le como unha fábula, un libro de viaxes, unha elexía e unha crónica en primeira persoa. Ou coma un As mil e unha noites das Américas contada a través dunha galería de personaxes galegos engaiolantes que crearon unha nova vida (e un país invisible) da outra beira do océano.

Seguir lendo

As novelas gráficas que máis nos gustaron en 2025

✏️✏️ Aquí vos presentamos unha selección curada das novelas gráficas que máis nos gustaron neste ano 2025 e que non nos cansamos de recomendar na Libraría NUMAX! A lista inclúe nomes de recoñecido prestixio (como Ana Penyas e Alison Bechdel), outras artistas emerxentes (como Cecilia Vårhed ou Sergi Puyol) e tamén nomes premiados como o de Candela Sierra (Premio Nacional de Cómic), Sandra Lodi (Premio Castelao de Banda Deseñada) ou Irene Márquez (Premio Ojo Crítico de Cómic). E a ti? Cal foi a novela gráfica que máis che gustou?

Seguir lendo