Itinerarios

Anagrama, medio século de edición

Anagrama cumple 50 anos este 2019 e celébrao polo grande: sacando unha nova colección conmemorativa, Compactos 50, con redeseño, e coa complicidade de libreiros, escritores e ilustradores; continuando cos lanzamentos dos autores da casa: o último Houellebecq, o número 1000 da colección Panorama de Narrativas (La única historia, de Julian Barnes), a última parte de Mi lucha, o proxecto narrativo de Karl Ove Knausgård, ou un novo libro do seu fundador, Jorge Herralde; ademais da próxima incorporación ao seu catálogo de autores como Philippe Lançon ou Olga Tokarczuk.

Celebramos desde a admiración e o cariño o aniversario dunha editorial á que estivo vencellada desde os inicios o noso querido Joaquin Jordà, autor do filme do que tomamos o nome para o noso proxecto, Numax presenta. Jordà, amigo persoal de Jorge Herralde e tradutor de numerosos títulos para a editorial, dirixiu tamén en Anagrama a colección Cuadernos de Cine. 

Un breve repaso polas distintas coleccións do catálogo da editorial danos unha idea da riqueza deste proxecto, que arranca publicando principalmente ensaio (coleccións como Cuadernos Anagrama, Educación Sentimental, Argumentos...) nun contexto de oposición política á dictadura franquista. E pouco a pouco, a partir do desencanto dos lectores de ensaios combativos, instalarase como editora de referencia para a literatura, desde a contracultura en coleccións como Contraseñas, ata na descuberta de autores internacionais en Panorama de Narrativas.

Anagrama apostou pola obra de escritores como Roberto Bolaño, Enrique Vila-Matas ou Javier Marías, ofrecendo tamén ao lector en español os libros de Siri Hustvedt ou Paul Auster, quen pasarían a conformar a parte literaria dos catálogos das editoras absorbidas polos grandes conglomerados editorias españois (Seix Barral, Alfaguara...), e, apelando ao que o propio Herralde denomina "política de autor" segue a ofrecernos os textos de valiosos autores internacionais e en lingua española que forman parte desta casa: Martin Amis, Julian Barnes, Hanif Kureishi, Ian McEwan, Michel Houellebecq, Guadalupe Nettel, Marta Sanz, Sara Mesa...

Quen queira afondar na historia de Anagrama ten estes días sobre as mesas de novidades Una día en la vida de un editor, do propio Herralde, libro que se compón de entrevistas, discursos, homenaxes e artigos diversos. Un libro ameno que recomendamos sen dúbida.