Os libros de Abbas Fahdel

Para irmos preparando a visita do cineasta iraquí Abbas Fahdel a NUMAX achegamos unha relación de recomendacións literarias elaborada especialmente para a ocasión polo director de Homeland (Irak Year Zero). Abbas Fahdel presentará a estrea do filme en NUMAX e impartirá a Aula «Os ollos verdes» Iraq, entre documental e ficción.

Robert Bresson, Notas sobre o cinematógrafo (Positivas: 1993)

Mítico libro de aforismos no que o xenial director francés Robert Bresson asentaba as bases do cinema como linguaxe propia e diferenciada. Un dos textos máis influentes do cinema contemporáneo.

Gustave Flaubert, La educación sentimental (Alianza: 2015)

Unha das grandes novelas do século XIX, na que o autor de Madame Bovary recrea o espírito do París da época. Nesa radiante capital, un mozo de provincias en busca de sona e fortuna vive o seu segredo amor por unha muller casada. Un clásico indiscutíbel.

Marcel Proust, En busca del tiempo perdido (RBA: 2013)

Para moitos historiadores e críticos atopámonos non só ante unha obra cumio das letras francesas do siglo XX, senón tamén ante unha das máis grandes creacións literarias de todas as épocas, na que a trasposición no relato da vida de Marcel Proust, así como de personaxes e ambientes sociais do seu tempo, se pon ao servizo dun propósito radicalmente anovador do xénero novelístico.

Las mil y una noches (Cátedra: 2015)

Célebre recompilación medieval en lingua árabe de contos tradicionais do Oriente Medio que emprega a técnica do relato enmarcado. O compilador e tradutor destas historias folclóricas ao árabe é, supostamente, o relatista Abu Abd-Allah Muhammad el-Gahshigar, que viviu no século IX.

Serge Daney, Perseverancia (Shangrila: 2015)

Unha vez máis visita os itinerarios da Libraría NUMAX Perseverancia, texto esencial para nos achegar ao universo dun dos meirandes críticos de sempre, o francés Serge Daney.

Fiódor Dostoievski, Humillados y ofendidos (Alianza: 2015)

Escrita pouco despois da súa reclusión no penal siberiano de Omsk, Humillados y ofendidos é unha novela clave que supuxo a afirmación do rumbo que habería de tomar en diante o gran novelista ruso Fiódor Dostoievski.

Anton Chéjov, Cuentos (Alba: 2004)

Volume que reúne sesenta contos de Chéjov coidadosamente escolmados e traducidos por Víctor Gallego coa intención de que o lector español dispoña dunha antoloxía extensa e representativa da narrativa breve do grande escritor ruso.

Peter Handke, La mujer zurda (Alianza: 2015)

“La mujer zurda” profundiza nas fendas da ruptura dunha parella, revelando ao lector a angustia da crise dunha muller que non busca a fuxida a través do espazo, senón na rutina das súas accións e do seu vivir.

Mahmud Darwish, Memoria para el olvido (Oriente y Mediterráneo: 2002)

O gran poeta nacional palestino asina este texto rico en imaxes no que autobiografía, poesía e novela revelan a súa identidade fundamental.

Edgar Allan Poe, Cuentos completos (Penguin Clásicos: 2016)

Edgar Allan Poe fixo o que ningún escritor tiña logrado antes: liberar as terríbeis imaxes que atesoura o subconsciente para deixalas camiñar entre as súas páxinas.

Naguib Mahfuz, Los sueños (Alianza: 2015)

Seguindo a tradición literaria árabe de evocar e interpretar os soños, Mahfuz mergúllanos no seu mundo interior, no que se mestura o onírico co real, a nostalxia cos desexos, os amores imposíbeis cos lugares onde foi feliz, o sedutoramente lírico cos pesadelos.

Pier Paolo Pasolini, Escritos corsarios (Positivas: 1993)

Os Escritos corsarios deron de Pasolini unha imaxe de eterno combatente contra o universo fatal do consumismo e do pragmatismo neocapitalista, contra a aculturacion xerada por un desenvolvemento sen progreso.

Henry James, Lo que sabía Maisie (Cátedra: 2016)

Un dos mellores relatos de James, onde se poñen de manifiesto todas as súas cualidades narrativas, como o agudo observador dos aspectos máis traxicómicos da existencia humana, o supremo cultivador da más fina e sutil ironía británica, o narrador de complexas tramas fiadas cunha prosa á vez barroca e transparente.

Richard Brautigan, El monstruo de Hawkline (Blackie Books: 2014)

Un dos libros máis célebres dos setenta e de Richard Brautigan, o escritor máis milagroso da literatura estadounidense do século XX. Un deses autores que contan con tantos seguidores apaixonados que o seu apelido é xa un adxectivo.

Badr Shaker As-Sayyab, El templo sumergido: antología poética (1948-1964)

As-Sayyab (1926-1964), nacido na confluencia do Eúfrates e o Tigris, deixou tras a súa morte prematura sete diváns cargados de compromiso social, nos que sintetizou as tradicións mesopotámica e bíblica, ao tempo que abría as portas á modernidade poética en lingua árabe.

Libraría NUMAX |