Atlas para viaxar no tempo e no espazo

Aproveitamos estas chuviosas vacacións de Semana Santa para recomendarvos unha presa de atlas encantadores. Non importa non viaxar se temos libros que nos levan tan lonxe.

Atlas de las islas remotas
Cos seus impresionantes mapas a toda cor, dificilmente podemos rexeitar este convite a vivir unha misteriosa aventura. Cun deseño único, este libro reúne cincuenta illas alonxadas en todos os sentidos da terra firme: física, cultural e espiritualmente. Afastada da xente, dos aeroportos e dos folletos turísticos, para abordar as illas a autora parte de informes científicos que proporcionan información sobre a distancia respecto do continente: se está habitada, as súas características e as historias que conforman o seu acervo local.

Atlas de las constelaciones

Mira cara arriba: é de noite e sobre a túa cabeza hai un lenzo escuro, repleto de diminutos puntos brancos. Se te fixas ben podes unilo na túa mente, e se o fas correctamente conseguirás que se poña en movemento un fantástico carnaval de criaturas familiares ou salvaxes, algunhas delas míticas, outras divinas. As súas historias, relatadas en incontábeis linguas, inda reverberan nas nosas vidas e nos nosos soños, neste libro belo como a noite. A escritora Susanna Hislop e a ilustradora Hannah Waldron guíannos a través dos séculos e as culturas para contarnos estas historias: as das oitenta e oito constelacións que compoñen o ceo nocturno.

Atlas de los lugares que no existen

Un atlas atípico que nos presenta a expresión do mundo persoal, marabilloso e delicado, das autoras Ana de Lima e Mia Cassany. Lugares imaxinados, cheos de beleza e formas máxicas, sempre a medio camiño entre a realidade e a ficción. Mestras na creación de paisaxes oníricas, este libro convértese nunha guía de excepción para transcender o mundo cotián e viaxar a lugares recónditos e inexplorados, illas remotas ou profundidades marabillosamente belas.

Atlas de metros del mundo

Este atlas é a primeira e única colección de mapas históricos e actuais de todos os sistemas de transporte suburbanos existentes na Terra. A través de espléndidas imaxes e gráficos, Mark Ovenden traza a historia cartográfica deste medio de transporte, incluíndo mapas históricos, diagramas e fotografías, algúns deles accesibles por primeira vez dende a súa publicación orixinal. Toda unha biblia do deseño gráfico, unha colección imprescindible para entusiastas do transporte e un libro esencial tanto para os amantes das viaxes como para turistas de sillón. Esta edición inclúe un relato de Juan José Millás sobre o metro de Madrid.

Trazado: un atlas literario

Este revolucionario libro de mapas literarios, inspirados por obras clásicas da literatura, ofrece a posibilidade de revisitar as cartografías das nosas novelas favoritas. Camiñar con Hamlet por Elsinor, navegar con Ulises polo Mediterráneo tras ter arrasado Troia, pasear da man de Borges pola Biblioteca de Babel, visitar a illa co náufrago de Robinson Crusoe, despedazar á balea Moby Dick ou navegar polo sinuoso río Mississippi da man de Huckleberry Finn. Pero este libro é moito máis. É unha pequena xoia literaria para persoas que soñan cos ollos abertos e para curiosos mitómanos do novelesco.

Libraría NUMAX |