Os libros de Rita Azevedo

A cineasta portuguesa Rita Azevedo Gomes visita NUMAX o 20 e 21 de maio, mais non vai vir soa. Con ela chéganos unha relación de recomendacións bibliográficas que gardan unha estreita relación co universo creativo da directora lisboeta, e co proceso que deu a luz esa obra mestra titulada A vinganza dunha muller.

Michel de Montaigne, Los ensayos (según la edición de 1595 de Marie de Gournay) (Acantilado, 2007)

En 1595, tres anos após a morte de Michel de Montaigne, Marie de Gournay presentaba a edición dos seus ensaios a partir das indicacións orixinais do autor. Completábase así a obra cumio do pensamento humanista francés do século XVI e un dos libros que maior prestixio e influencia teñen acadado no pensamento occidental.

Cristina Campo, Gli imperdonabili (Adelphi, 1987)

Obra capital que recolle a práctica totalidade da obra literaria de Cristina Campo, seudónimo da escritora e poeta italiana Vittoria Guerrini. Para Campo son imperdoábeis aquelas persoas que aínda se atreven a buscar «a perfección perdida nunha época de progreso puramente horizontal, de masacre universal do símbolo, de crucifixión da beleza».

Fiódor Dostoievski, Crime e castigo (Galaxia, 2015)

Obra mestra de Dostoievski e un dos cumios da historia da literatura, Crime e castigo preséntanos a Raskolnikov, cuxa firme crenza en que os fins humanitarios xustifican a maldade condúceo ao asasinato dun usureiro petersburgués. Pero, desde que comete o crime, a culpabilidade ha ser un pesadelo constante co que o estudante vai ser incapaz de convivir.

Ödön von Horváth, Jeunesse sans dieu (Christian Bourgois, 2006)

Terceira novela do escritor austrohúngaro Ödön van Horváth residente en Alemaña en 1937. En 1938 publica este libro que trata do recrutamento da xuventude por parte da propaganda nazi e que provoca a súa inclusión na listaxe de autores prohibidos polo réxime nacional-socialista.

Augustina Bessa-Luís, Ternos guerreiros (Guimarães Editores, 2010)

A obra de Bessa-Luís fala da percepción da mudanza dos tempos. Pastores, intelectuais, poetas, entre outros, son os verdadeiros guerreiros entre todos os seres. Seres que eran actuais, modernos, que vivían na súa época, coñecían a actualidade e non obedecían a hábitos, razóns e palabras obsoletas. «O papel do artista é o de reformar o mito do imposíbel e o de crear a traxedia».

Johann Wolfgang von Goethe, As mágoas do mozo Werther (Galaxia, 2015)

Novela epistolar na que abrollan as paixóns e o mundo interior do ser humano, a obra de Goethe inclúese no período estético coñecido como Sturm und Drang e leva á literatura unha concepción da escritura que reflicte a expresión máis espontánea, afastada das normas clásicas. Con ela, a narrativa ábrelle as portas á expresión directa dos sentimentos e as emocións.

Sophia de Mello Breyner Andresen, Livro sexto (Assírio & Alvim, 2014)

A pesar do título, Livro sexto é a sétima obra da poeta de Porto Sophia de Mello Breyner Andresen, mais a autora xustifica o título polo estatuto especial do seu volume anterior, O Cristo Cigano, máis como poema longo ca como libro. Porén, non se trata dun libro máis nunha serie senón que xa desde o limiar anuncia unha viraxe na traxectoria da poeta.

Friedrich Hölderlin, La muerte de Empédocles (Acantilado, 2001)

Drama en verso dedicado a unha gran figura das letras gregas clásicas, coa intención de reformular nel tópicos tan propiamente románticos como a distancia que separa o poeta, en tanto que ser singular, e a colectividade ou o pobo, o retorno á natureza como reconciliación definitiva entre o home e os deuses ou Deus, segundo situemos a relixiosidade de Hölderlin cara ao seu paganismo ilustrado ou cara á súa moralidade cristiá.

Pier Paolo Pasolini, Amado mío (Seix Barral, 2015)

Desiderio, o protagonista de Amado mío, atópase nunha festa estival por vez primeira con Benito, e fica sorprendido polo súpeto desexo que lle provoca o mozo. Este será o punto de partida dun longo verán de bicos prohibidos, rexeitamentos e reencontros que os ha marcar sen remedio.

Carl-Theodor Dreyer, Réflexions sur mon Métier (Editions de l'Etoile, 1997)

O gran cineasta dinamarqués escribiu ao longo da súa carreira artigos, análises, críticas e reflexións sobre o seu traballo. Todos estes textos reúnense nesta obra, na que tamén se inclúen descoñecidas entrevistas e testemuños dos seus máis próximos colaboradores.

Libraría NUMAX |