Itinerarios

Os libros da BAAM

Co gallo da visita, o venres 10 de xuño ás 20:00 de Mireia Sentís e José Luis Gallero, editores da Biblioteca Afro Americana Madrid (BAAM), na Libraría NUMAX elaboramos un itinerario coas súas publicacións máis recentes, que nos achegan a algunhas das obras máis relevantes da literatura e o pensamento do pobo afroamericano. Angela Davis, Elaine Brown, David Levering Lewis e Jean Toomer son os protagonistas desta selección.

Angela Davis, Una historia de la conciencia (Ensayos escogidos) (Ediciones de Oriente y del Mediterráneo/BAAM, 2016)

Volume compilatorio dalgúns dos ensaios máis importantes de Angela Yvonne Davis, unha das iconas do activismo e o pensamento afroamericano. Profesora de Filosofía da Universidade de California, o activismo de Davis na década dos sesenta levouna a se chegar ao movemento das Panteras Negras, sendo expulsada da Universidade en 1969 pola súa proximidade ideolóxica ao Partido Comunista. Neste libro condénsanse varias das preocupacións da escritora, desde a súa postura de muller negra, marxista e feminista.

Elaine Brown, Una cata de poder (Ediciones de Oriente y del Mediterráneo/BAAM, 2015)

Unha combinación inusual de relato épico e crónica íntima converte a Una cata de poder nun documento excepcional, non só arredor da utopía revolucionaria dos Panteras Negras, organización que presidiu con apenas 30 anos, senón tamén sobre un dos períodos máis decisivos e turbulentos da historia contemporánea. Formada nos barrios e ambientes máis duros, o estilo directo e preciso de Elaine Brown atrapa o lector coa súa honestidade implacábel.

Jean Toomer, Caña (Ediciones de Oriente y del Mediterráneo/BAAM, 2014)

Admirado de xeito unánime por críticos, editores e autores, Jean Toomer (1894-1967) foi saudado como a gran promesa do renacemento cultural que tivo como escenario o Harlem da década de 1920. O carácter experimental de Caña (1923), escrita nunha «prosa memorábel que nada ten que envidiar á poesía» (Bruce Kellner), desafía as categorías convencionais e resulta tan difícil de interpretar como o propio Toomer. En Caña, como en todos os seus escritos, Toomer salientou a trascendencia de liberar as mulleres das restricións impostas pola sociedade.

David Levering Lewis, Cuando Harlem estaba de moda (Ediciones de Oriente y del Mediterráneo/BAAM, 2014)

O dobre premio Pulitzer, David Levering Lewis, reconstrúe a auténtica idade de ouro da cultura afroamericana, o Renacemento de Harlem (1919-1934) aglutinou unha constelación de artistas e intelectuais— convencidos de que os seus logros creativos habíanse converter en armas eficaces contra a segregación racial. Ao mesmo tempo que Europa era escenario da eclosión vangardista, Estados Unidos recoñecía por vez primeira a súa herdanza africana.