Itinerarios

Os libros de Berta Dávila

Aproveitando a próxima visita a NUMAX de Berta Dávila presentar Illa Decepción, a escritora compostelá comparte connosco algunhas lecturas clave na creación do IV Premio Repsol de Narrativa Breve.

«Quería construír aquí un itinerario de lecturas que rodearon a escritura da miña novela Illa Decepción. Algo así como sete libros que levaría a unha illa deserta se Illa Decepción fose unha illa deserta. Digo rodearon máis ou menos como diría que o mar rodea cada illa. Algúns foron libros que lin mentres escribía a novela e outros conéctanse con ela de diferentes formas, ben porque aparecen referidos, ben porque, dalgunha maneira, explican como acabei escribíndoa.

1. El palacio de la luna, Paul Auster, Anagrama
El palacio de la luna é un libro que me fascinou sempre. Nas primeiras páxinas o narrador-protagonista fala dun personaxe fundamental no libro, Kitty Wu, e di: "La había conocido por casualidad muy poco antes, pero con el tiempo llegué a considerar esa casualidad una forma de predisposición. Esa fue la primera parte. A partir de entonces me ocurrieron cosas extrañas". A cita é da tradución de Maribel de Juan para Anagrama, que é a edición que eu teño. Neste libro atopei a idea de que a escritura e o azar poden confluír nunha zona de sombra onde cabe unha novela, a idea de que é a historia, a trama, quen depende da escritura, e non a escritura a que se supedita á historia, aínda que seguramente sexa unha lectura moi persoal do relato. Tamén a idea da resignación como única actitude xenuína para acoller a estrañeza.

2. Experimentos con la verdad, Paul Auster, Anagrama
Preséntase como unha recompilación de textos escritos en diferentes tempos, algúns deles publicados en prensa, pero tamén é unha obra pensada para funcionar como unidade. En principio parece que é un libro sobre a escritura, ou sobre a relación entre a ficción e a verdade, que son dúas cousas que habitualmente adoitan opoñerse, coma se fose natural distinguir entre cousas certas e cousas de ficción (é dicir, como se as cousas de ficción non fosen certas). No libro fica claro que a ficción emerxe como outra forma da verdade, que non é unha idea novidosa nin unha idea de Auster, pero que se explica ben neste libro ou dun xeito que a min me agradou. Interésame tamén que fala habitualmente da escritura desde un lugar transversal á escritura.

3. Niveles de vida, Julian Barnes, Anagrama
É un dos meus libros favoritos de Barnes non só porque é fantástico senón pola forma do libro. Dentro del hai tres historias que se poden ler individualmente, un pouco como se pode sacar un poema dun poemario, recitalo en voz alta e que teña un sentido e un efecto, pero os tres relatos non son en absoluto independentes. Aquí está a idea de construír un libro de narrativa que non sexa un libro de relatos pero si estea composto por varias historias que teñen cada unha o seu propio fío discursivo, e de facer cruzamentos entre elas no plano dos símbolos. Aínda que cando escribín Illa Decepción estaba pensando en Las palmeras salvajes, de Faulkner, que é un libro que tamén podería estar neste itinerario.

4. Espejo de sombras, Felicidad Blanc, Cabaret Voltaire
Quería incluír un libro que estivese relacionado cun filme. Cando vin El desencanto, a película de Jaime Chávarri, tiven a sensación de que Felicidad Blanc falaba coma se escribise. Ás veces algúns libros recrean a oralidade, eu pregúntome se se pode facer do revés: escribir un libro que fale, e que fale "coma se escribise". Algo disto hai en Illa Decepción e nalgunhas das miñas outras novelas, unha aproximación. Deste libro teño unha edición de peto de Argos Vergara do ano 81, que merquei nunha librería de vello e que me encanta, cunha ilustración da catedral de Astorga na cuberta, e o prezo, trescentas pesetas, escrito con cifras nun lateral.

5. Os ditosos anos do castigo, Fleur Jaeggy, Rinoceronte
Diría que o que me gusta deste libro é que é un libro tenso. Tamén é unha voz narrativa que revisa o pasado a medida que o escribe, e ese pasado ten algo de observación desde a xanela.

6. Ethan Frome, Edith Wharton, Irmás Cartoné
Escollín Ethan Frome pero podería escoller tamén calquera dos outros dous que lin de Edith Wharton: La edad de la inocencia, ou Escribir ficción. Os tres son libros que non tería dúbida en ubicar dentro dos libros máis intelixentes que eu lin nunca. É iso o primeiro que me vén á cabeza cando leo a Edith Whaton. La edad de la inocencia é un libro que lin antes e durante a escritura de Illa Decepción e os outros dous despois, así que podería dicir que "rodearon" a illa. Habitualmente cando se fala da escritura das mulleres é difícil escoitar: "este é un libro intelixente". Adoitamos escoitar con máis frecuencia unha louvanza á "sensibilidade" que hai dentro da literatura que escribimos as mulleres. Cando asina un home, fálase máis de "profundidade" que de "sensibilidade" para referirse á mesma cousa, e, aínda que non sexan a mesma cousa, funcionan moitas veces como variacións do mesmo cumprimento.

7. El año del pensamiento mágico, Joan Didion, Random House
Unha das cousas máis interesantes deste libro –ademais da voz narrativa, que é poderosísima– é que, sendo un libro de non ficción sobre o dó, parte de dúas premisas clásicas da literatura: o "calquera cousa pode pasar" e o "cando menos o esperas". Este punto de partida significa a posibilidade de que as fórmulas da literatura sirvan tamén para explicar e organizar a vida, ou, cando menos, que narrarnos sexa unha maneira de vivirnos. Por outra banda, a vantaxe da literatura para explicar a vida é que dentro da literatura cabe o que Joan Didion chama "o pensamento máxico", que, nun sentido extenso, é a noción de que os significados imaxinarios e intuitivos convivan cos demais de forma natural como parte do que é "a verdade" das cousas que nos pasan.»

(Berta Dávila)