Textos para Charles Burnett

Co gallo da visita a NUMAX de Charles Burnett, un dos grandes nomes do cinema independente norteamericano, achegamos unha escolla bibliográfica para nos aproximar ao pensamento do autor de Killer of Sheep, artellada por Víctor Paz, crítico de cinema e coeditor, canda María Míguez, do libro Charles Burnett: un cineasta incómodo, publicado por Play-Doc Books.

Chestes Himes, El extraño asesinato (Akal: 2010)

A obra de Chester Himes, célebre autor afroamericano de novela negra, sitúase como unha afección confesa de Burnett que, de feito, estivo a piques de dirixir a adaptación desta novela, pertencente á serie de detectives Coffin Ed Johnson e Grave Digger Jones. A historia sitúase en Harlem, onde un home negro entra nunha tenda de alimentación para cometer un roubo. Non moi lonxe, nun edificio de apartamentos da Sétima Avenida, o reverendo Short obsérvao todo desde a xanela, inclínase de máis e cae ao baleiro.

James Agee & Walker Evans, Elogiemos ahora a hombres famosos (Planeta: 2015)

No verán de 1936, por encargo da revista Fortune, James Agee e Walker Evans conviviron con tres familias campesiñas algodoeiras de Alabama. O resultado da experiencia é un dos libros máis orixinais e influentes do século XX e referente fundamental de Charles Burnett, especialmente no que atinxe ao traballo fotográfico, citado acotío polo cineasta como exemplo de aproximación a unha realidade respectando a persoa filmada.

Frederick Douglass, Vida de Frederick Douglass, un esclavo americano (Alcalá: 2013)

As narrativas sobre a escravitude constitúen un motivo esencial para Charles Burnett, e de feito varios dos seus filmes atinxen esta caste de relatos. A autobiografía de Frederick Douglass, un dos libros máis lidos e reeditados dos Estados Unidos, enlaza á perfección coas preocupacións do cineasta, que mesmo estivo a piques de dirixir un biopic arredor da súa figura. Douglass describe o seu percorrido vital como escravo desde unha plantación de Maryland até a súa aclamada fuga a Massachussets, onde se converteu nun ardente abolicionista.

Allyson Field, Jan-Christopher Horak, Jacqueline Najuma Stewart (Eds.), L.A. Rebellion. Creating a New Black Cinema (University of California Press: 2015)

Exhaustivo e ben documentado volume arredor do movemento L.A. Rebellion, colectivo de cineastas e vídeo artistas independentes de orixe africana ou caribeña formados na Universidade de California nos anos 70 e 80. A pesar de que Charles Burnett amosa certas reticencias cara á denominación do colectivo, non renega das intencións nin das enerxías do grupo, ao que pertencen autores como Charles Burnett, Larry Clark, Julie Dash, Jamaa Fanaka, Haile Gerima ou Billy Woodberry.

Angela Davis, Democracia de la abolición (Trotta: 2016)

A recente publicación en español de Democracia de la abolición recupera parte do traballo intelectual e político de Angela Davis arredor do «triplo abolicionismo» que atinxe á pena de morte, o complexo industrial-penitenciario e a herdanza da escravitude. O propio Charles Burnett, próximo á obra de Davis, participou na gravación da visita da activista afroamericana á Universidade de California Los Angeles (UCLA).

William Styron, Las confesiones de Nat Turner (Belacqua, 2008)

Baseándose nun episodio histórico e nun caso real do que apenas existía documentación, Las confesiones de Nat Turner combina o relato dos sucesos puntuais e a confesión do escravo-asasino cun estilo que lle valeu o Premio Pulitzer en 1968 e ser considerada como unha das mellores novelas norteamericanas.

Robert E. Kapsis (Ed.), Charles Burnett: Interviews (University Press of Mississipi: 2011)

Volume recompilatorio que recolle varias das entrevistas ofrecidas por Charles Burnett nas últimas décadas. As entrevistas deste volume botan luz encol do traballo dun cineasta singular, cuxas historias proxectan sobre a pantalla as texturas e a poesía do cotiá na comunidade negra norteamericana.

María Míguez, Víctor Paz (Eds.), Charles Burnett, un cineasta incómodo (Play-Doc Books, 2016)

Dentro das actividades artelladas polo Play-Doc na súa edición de 2016 para apoiar a retrospectiva a Charles Burnett inclúese a presentación dun libro, editado por María Míguez e Víctor Paz, que se sitúa como o primeiro monográfico orixinal publicado a nivel internacional sobre o cineasta de Watts. O volume inclúe unha longa entrevista realizada polos editores do libro, no que Burnett realiza un exhaustivo repaso pola súa carreira cinematográfica.

Libraría NUMAX |