Itinerarios

Os libros de Carol

A recente estrea en NUMAX de Carol, de Todd Haynes, suscita toda unha serie de referencias que van desde o campo da fotografía urbana, até o ensaio bibliográfico ou os grandes títulos do melodrama clásico, pasando pola obra homónima de Patricia Highsmight. A partir das declaracións do propio Haynes en diversos foros e entrevistas, elaboramos un itinerario heteroxéneo cuxas obras poden atoparse na Libraría NUMAX.

Patricia Highsmith, Carol (Anagrama: 1997 / Bloomsbury: 2010)
A novela de Patricia Highsmith que toma Todd Haynes como punto de partida para Carol constituíu toda unha revelación a comezos dos 50, ao abandonar a autora o seu habitual rexistro policíaco e nos introducir na historia dunha moza que descobre o amor e a súa homosexualidade. A pesar de que Todd Haynes ten declarado que para a súa adaptación operou modificacións significativas, o texto de Highsmith achega material indispensábel para a realización do filme.

Roland Barthes, El discurso amoroso (Paidós: 2015)
Libro de cabeceira de Todd Haynes, os Fragmentos de un discurso amoroso incluídos neste volume acadaron certa resonancia no seu momento ao recuperar unha necesaria reflexión sobre a temática amorosa, que resultaba vergoñenta e cuxo discurso estaba condenado se non ao silencio si ao murmurio.

Helen Levitt, Lírica urbana (La Fábrica: 2010)
No plano visual, Carol bebe do traballo de distintos fotógrafos que, ao longo do século XX, rexistraron a cidade de Nova York en clave de xénero. Unha das máis salientábeis é Helen Levitt, fotógrafa de rúa que, nesta Lírica urbana, amosa entre outros motivos o Manhattan das clases populares.

Vivian Maier, Vivian Maier (Penguin: 2011)
Filla de refuxiados xudeus e neneira de profesión, as fotografías afeccionadas de Vivian Maier en Nova York primeiro e en Chicago despois, conforman un valioso arquivo de máis de 100.000 negativos, moitos deles aínda sen revelar, que funcionan a xeito de retrato da cidade norteamericana ao longo do século XX.

Vivian Maier, Vivian Maier. Self-Portraits (powerHouse Books: 2013)
Atopámonos ante a maior colección de imaxes de Vivian Maier, con aproximadamente 60 retratos en branco e negro e en cor pertencentes ao arquivo Maloog, o máis importante coleccionista do traballo de Maier e editor de boa parte dos álbumes da fotógrafa neoyorkina.

Saul Leiter, Painted Nudes (University of Chicago Press: 2015)
Outra das referenzas confesas de Carol, especialmente no seu aspecto cromático, é a obra do pintor e fotógrafo norteamericano Saul Leiter, de quen achegamos aquí unha das súas facetas máis descoñecidas. Recompilación pictórica de espidos que nos aproximan á vitalidade e orixinalidade do seu autor.

James M. Cain, Mildred Pierce (RBA: 2015)
A historia dunha muller humilde de clase media durante a Gran Depresión e a tensa relación coa súa filla deu lugar a diversas adaptacións. Desde a versión levemente noir de Michael Curtiz, traducida ao español como Almas en suplicio (1945) e protagonizada pola inesquecíbel Joan Crawford, até a celebrada miniserie de Todd Haynes de mesmo título cá novela.

David Lean, Breve encuentro (Filmax: DVD)
Mítico título británico pertencente á primeira etapa da obra de David Lean, do que Haynes toma prestada a historia de amor prohibido para a moral conservadora da época, así como os primeiros planos do filme, aos que homenaxea no arranque de Carol. Todo un clásico do cinema melodramático.

Douglas Sirk, Imitación a la vida (Feel Films: BluRay)
Un dos referentes fundamentais do cinema de Haynes atopámolo na obra dun dos autores que elevou o melodrama á categoría de arte. Propoñemos para este itinerario Imitación á vida, un dos cumios creativos de Douglas Sirk, unha aceda ollada aos prexuízos raciais e clasistas da sociedade norteamericana.