Os libros de Carolina Cappa

A poucos días de celebrarmos o encontro A cor das palabras con Carolina Cappa compartimos un itinerario bibliográfico especialmente seleccionado para a ocasión pola arquivista e restauradora arxentina que nos axudará a reflexionar sobre un labor esencial na preservación do patrimonio cinematográfico. Á escolla realizada por Cappa permitímonos engadir Nitrato argentino, froito do seu traballo de investigación e preservación do cinema mudo arxentino.

Unha listaxe posible de libros sobre películas, arquivos e restauración. Pero tamén e por que non sobre artes visuais, reprodución e pirataría.

Una juguetería filosófica, David Oubiña (Manantial, 2009)
A materia pantasma das imaxes en movemento neste pequeno gran libro sobre pre-cinema e vídeo, inventores e tecnoloxías.

La muerte del cine, Paolo Cherchi Usai (Laertes, 2005)
Coa ironía que o caracteriza, Cherchi Usai escribe sobre a perda das imaxes en movemento, salpicando ideas sobre obsolescencia tecnolóxica, selección arquivística, dixitalidade e política, entre outros asuntos.

Los condenados de la pantalla, Hito Steyerl (Caja Negra, 2012)
Morte ao orixinal! Viva a copia!

El museo imaginario, André Malraux (Cátedra, 2017)
Sobre os modos de ver as imaxes do pasado (neste caso, as artes visuais) cando median as tecnoloxías de reprodución e o recordo.

Fantasia of Color in Earley Cinema, Tom Gunning, Giovanna Fossati, Joshua Yumibe, Jonathon Rosen (Amsterdam University Press, 2015)
A materialidade do cinema dos primeiros tempos en todo o seu esplendor.

Clasificar para preservar, Alfonso del Amo (Filmoteca Española, 2006)
Ser arquivista fílmica implica ler, subliñar e gastar este libro
.

Imaxes do soño en liberdade. O cinema de Eugenio Granell, Alberte Pagán (Centro Galego de Artes da Imaxe / Fundación Granell, 2003)
A beleza e a dificultade de nomear e historizar o cinema de Eugenio Granell baixo a guía de Alberte Pagán.

Ha muerto un hombre, Kris e Étienne Davodeau (Ponent Mon, 2007)
Outras formas de recuperar un filme perdido: escribindo un cómic. Morreu un home é un filme de René Vautier realizado en 1950 cuxa única copia morreu "no campo de batalla" (unha cabina de proxección) e cuxas únicas imaxes superviventes existen hoxe en forma de debuxos.

Menschen des 20. Jahrhunderts (Gentes del siglo XX), August Sander (Schirmer/Mosel, 1980)
Este libro non ten nada que ver co cinema pero si co arquivo e a catalogación como forma de narración. E é un dos libros máis fermosos que me tocou ter entre as mans.

Libraría NUMAX |