Itinerarios

Os libros de Jonás Trueba

O cineasta madrileño Jonás Trueba figura entre os principais nomes do cinema de autor español contemporáneo. Aproveitando a súa visita a NUMAX o luns 17 de outubro, para impartir a aula Somos sempre principiantes e presentar o seu último filme, La reconquista, achegamos unha escolma de textos realizada polo cineasta especialmente para a sesión que poderedes atopar na Libraría NUMAX.

Juan Antonio González Iglesias, Confiado (Visor: 2015)

Juan Antonio González Iglesias é un poeta español de signo clásico. Confiado trata do amor, do corpo, do deporte, das novas tecnoloxías e remotamente da política, todo isto desde unha perspectiva pausada orientada á beleza do mundo e á proximidade de Deus.

Ramón Gaya, Algunos poemas (Pre-Textos: 2015)

Os 24 poemas deste volume achéganos a un Ramón Gaya único, que a ninguén se parece, e ao que só podemos comparar consigo mesmo, na súa mesma e esencial insistencia.

Henri Matisse, Escritos y consideraciones sobre arte (Paidós: 2010)

Aínda que durante toda a súa vida Matisse se negou a sistematizar os seus pensamentos sobre a arte nunha doutrina ordenada e expresada literariamente, Escritos e consideracións sobre arte recolle as reflexións, comentarios e xuízos que foi ofrecendo ao longo de toda a súa vida.

Jean Cocteau, La dificultad del ser (Siruela: 2006)

La dificultad de ser é o axuste de contas que Cocteau libra consigo mesmo, co eu que marchou na época do esplendor social e co eu que é nas angurias do presente.

Thomas Mann, La montaña mágica (Edhasa: 2015)

Considerada a novela máis importante do seu autor e un clásico da literatura en lingua alemá, Thomas Mann comezou a escribila en 1912, a raíz dunha visita á súa muller ao Sanatorio Wald de Davos no que se encontraba internada.

Witold Gombrowicz, Ferdydurke (Cuenco de Plata: 2015)

Protagonizada por un heroe de trinta anos que se transforma nun adolescente de quince baixo a influenza dun mestre, a novela é unha sátira mordaz e terríbel da sociedade de entreguerras.

Félix Romeo, Por qué escribo (Xordina: 2013)

Por qué escribo reúne os artigos de carácter máis autobiográfico ou persoal de Félix Romeo, un dos escritores máis poderosos e singulares da súa xeración.

Serge Daney, Perseverancia (Shangrila: 2015)

Volume esencial para nos achegar ao universo dun dos meirandes críticos de sempre, o francés Serge Daney.

Jonas Mekas, Ningún lugar a donde ir (Caja Negra: 2008)

Diario do longo exilio que Jonas Mekas emprende en 1944 tras fuxir do seu pequeno pobo en Lituania por razóns políticas. Esa extensa viaxe inclúe campos de traballo forzado, campos de refuxiados e o seu desembarco en Nova York, onde co tempo se convertería no faro do cinema experimental norteamericano.

Nathaniel Dorsky, El cine de la devoción (Lumière: 2013)

O presente texto parte do relatorio de Dorsky A natureza da presenza cinemática, arredor de filmes de Bresson, Brakhage, Weerasethakul, Antonioni, Dreyer, Chambers, Ozu, Rossellini, Godard ou Ford.

Stanley Cavell, El cine, ¿puede hacernos mejores? (Katz: 2008)

Stanley Cavell continúa o seu traballo sobre as comedias do Hollywood das décadas de 1930 e 1940, pero tamén sobre os filmes de Rohmer, Hitchcock, Godard, Buñuel, Bergman ou Jarmusch.

Alain Bergala, La hipótesis del cine (Laertes: 2007)

Este é un libro de intervención, un libro que toma partido: polo cinema e pola educación, sostido por unha experiencia de máis de vinte anos.

Jean-Luc Godard, Pensar entre imágenes (Intermedio: 2010)

Conversas, entrevistas, presentacións e outros fragmentos, editados por Núria Aidelman e Gonzalo de Lucas arredor dun meirandes autores da modernidade cinematográfica.

Robert Bresson, Bresson por Bresson, entrevistas (1943-1983) (Intermedio: 2015)

Susan Sontag escribiu que, para Bresson, «a arte consiste en descubrir o necesario, niso e máis nada». Por iso este libro non debe considerarse tanto un documento como un obxecto traballado, pensado polo seu autor.

Ugo Cornia, Casi amor (Periférica: 2012)

Un prodixio de humor e unha aposta pola felicidade en tempos difíciles. Unha novela que consagrou a Cornia en Italia como un dos referentes da narrativa actual.

Edouard Levé, Autorretrato (Eterna Cadencia: 2016)

Cunha prosa de ton seco e enganosamente distante, Levé expón a súa breve pero intensa vida ao lector até nos seus máis mínimos detalles.

Mathias Enard, El alcohol y la nostalgia (Random House: 2012)

Unha historia de amor entre tres amigos ambientada nas primeiras décadas da URSS. Un texto onde se entrevén as sombras de Dostoievski, Axiónov, Gógol ou Chéjov.

Francis Scott Fitzgerald, Los relatos de Basil y Josephine

Compilación de relatos escritos nos anos trinta e publicados postumamente dun dos meirandes autores estadounidenses do século XX.

François Truffaut, Le cinema selon François Truffaut

300 entrevistas con François Truffaut foron publicadas en prensa entre 1959 e 1984. Neste volume preséntanse cronoloxicamente e constitúen unha biografía cinematográfica directa, honesta e viva dun dos maiores cineastas franceses da historia.