Itinerario de Luis Aller

A visita de Luis Aller a NUMAX vén cargada de ideas e referencias que, en moitos casos, podedes atopar na nosa Libraría. O cineasta vén de nos achegar unha relación de libros e filmes que gardan relación co filme Transeúntes ou coa Aula «Os ollos verdes» que inaugura o sábado 20 de febreiro.

OS LIBROS E OS FILMES DE LUIS ALLER PARA TRANSEÚNTES

James Joyce, Ulises (Galaxia, 2013)
Obra fundamental na historia da literatura que se desenvolve durante un único día, o 16 de xuño de 1904, na cidade de Dublín. Joyce emprega en Ulises, a parte da corrente de consciencia, a parodia, os xogos de palabras e unha variada e ampla gama de técnicas narrativas.

John Dos Passos, Manhattan Transfer (Debolsillo, 2014)
A amplísima galería de personaxes que compón a novela ten como denominador común o espazo e o tempo no que se moven, o Nova York dos anos vinte, así como o principal obxectivo da meirande parte deles: a obtención rápida e o máis doada posíbel de diñeiro.

Alfred Doblin, Berlin Alexanderplatz (Cátedra, 2015)
Testemuño excepcional do Berlín asolado tras a Primeira Guerra Mundial, tanto polo fondo como pola forma, a novela narra a caída en desgraza de Franz Biberkopf, que sae do cárcere despois dunha condena por homicidio disposto a converterse nun home honrado.

Robert Musil, El hombre sin atributos (Seix Barral, 2004)
Monumental traxicomedia editada en dous volumes e inacabada que examina a existencia do personaxe principal, Ulrich, co pano de fondo da sociedade austríaca anterior a 1914.

Italo Calvino, Las ciudades invisibles (Siruela, 2014)
Colección de descricións de cidades fantásticas que son contadas polo viaxeiro Marco Polo e o rei dos tártaros Kublai Kan.

Jean-Luc Godard, Introducción a una verdadera historia del cine (Alphaville, 1980)
Transcrición dunha serie de charlas e conversas de Jean-Luc Godard arredor da proxección de filmes seus e doutros cineastas.

J.A. Place, The Western Films of John Ford (Citadel Press, 1973)
Este é unha homenaxe a todos os westerns feitos por John Ford, incluíndo unha análise de cada filme e un completo estudo arredor do xeito de traballar do cineasta de Maine.

S.M. Eisenstein, Outubro (Divisa, DVD)
Nomeado por Luis Aller como un «filme illa», Outubro reconstrúe no décimo aniversario da Revolución Rusa os acontecementos acontecidos de febreiro a outubro de 1917.

Dziga Vertov, O home coa cámara (Amorrortu, DVD+BluRay)
Monumental filme de montaxe, que fai parte da tradición silente das sinfonías urbanas ao describir o transcurso dun día nunha cidade rusa, cun extraordinario traballo de montaxe a partir das imaxes do cotiá.

John Ford, As uvas da ira (Fox, DVD)
Adaptación da novela homónima de John Steinbeck que nos leva á historia dunha familia de Oklahoma que se muda para buscar traballo nos grandes campos de cultivo californianos. Filme emblemático do New Deal.

John Ford, Paixón dos fortes (Fox, DVD)
Obra mestra do cinema do oeste que nos leva á mítica figura de Wyatt Earp (Henry Fonda), antigo sheriff de Dodge City, ao que lle ofrecen o posto de comisario da cidade de Tombstone, pero rexéitao porque lle interesa máis o negocio gandeiro ao que se dedica cos seus irmáns.

John Ford, Que verde era o meu val (Fox, DVD)
Outro dos grandes títulos de Ford, construído a xeito de melodrama que narra a vida dunha familia mineira de Gales, vista baixo a ollada do seu membro máis mozo.

John Ford, Centauros do deserto
Inconmensurábel obra mestra de John Ford que nos achega ao personaxe de Ethan Edwards, un home solitario que, tres anos despois da guerra de Secesión, volve derrotado ao seu fogar.

Howard Hawks, Río vermello
Terminada a Guerra de Secesión, o gandeiro Tom Dunson (John Wayne) e o seu fillo adoptivo Matthew Garth (Montgomery Clift) proxectan trasladar dez mil cabezas de gando de Texas a Missouri. Ninguén até entón tentara unha operación de tal envergadura.

Jean-Luc Godard, Prénom Carmen
Libérrima e persoal adaptación do Carmen de Bizet coa que Godard obtivo o León de Ouro en Venecia en 1983.

Jean-Luc Godard, Eloxio do amor
Filme que anuncia a evolución da obra de Godard no século XXI. Edgar, un director de cine mozo, busca unha actriz para o seu próximo proxecto, un filme sobre as catro estacións do amor (encontro, paixón, separación e reconciliación).

MATERIAIS PARA A AULA «OS OLLOS VERDES»

Robert Bresson, Notas sobre o cinematógrafo (Positivas, 1993)
Compilación de aforismos que conteñen boa parte do lúcido pensamento cinematográfico de Robert Bresson.

Peter Bogdanovich, John Ford (Fundamentos, 1997)
O coñecido director e crítico de cinema Peter Bogdanovich repasa con John Ford todos e cada un dos seus 135 filmes.

Frank Capra, El nombre delante del título (T&B Editores, 2007)
Autobiografía plena de ironía e honestidade a cargo dun autor que, a pesar de gañar seis premios da Academia, loitou durante toda a súa vida contra o glamour para ter a liberdade creativa necesaria.

D.W. Griffith, O nacemento dunha nación (Divisa, DVD)
Un deses poucos filmes que mudaron para sempre a historia do cinema, estabelecendo as pautas da linguaxe cinematográfica clásica. Narra os acontecementos máis importantes da creación dos Estados Unidos, desde a Guerra Civil ao asasinato de Lincoln.

D.W. Griffith, Intolerancia (DVD)
Outro monumento cinematográfico de S.W. Griffith no que xustapón episodios paralelos de distintos períodos históricos nos que se narran inxustizas provocadas pola intolerancia social e relixiosa.

Ernst Lubitsch, The Man I Killed [Remorsos]
Drama antibélico protagonizado por un mozo francés que, atormentado por ter asasinado a un soldado alemán, decide ir visitar a súa familia.

Jean-Luc Godard, À bout de souffle (Universal, BluRay)
Obra clave para o cinema moderno que anuncia o nacemento da Nouvelle Vague e racha por completo os códigos narrativos tradicionais imperantes no cine até ese momento.

Jean-Luc Godard, O desprezo (Universal, DVD)
Un dramaturgo francés acepta reescribir algunhas escenas para A Odisea, un filme que se vai rodar en Capri baixo a dirección do nomeado director alemán Fritz Lang.

Robert Bresson, Lancelot du lac
Versión da historia de Camelot, o rei Arturo e os cabaleiros da táboa redonda tamizada pola ollada austera de Robert Bresson.

Woody Allen, Hanna e as súas irmás
Tres irmás de caracteres moi diferentes, fillas dun maduro matrimonio de actores, manteñen entre si unha estreita relación.

Abbas Kiarostami, E a vida continúa
Logo dun gran sismo que asolou Irán, o cineasta volve ao pobo onde rodou o filme Onde está a casa do meu amigo? para saber que foi dos rapaces que participaron no filme.

Abbas Kiarostami, A través das oliveiras
Un equipo de rodaxe chega a un pobo do norte de Irán, na rexión de Koker, devastado por un tremor de terra, para realizar un filme.

 

Libraría NUMAX |