Os libros de Marina Mayoral

Aproveitando a súa participación na cuarta entrega do Tac, tac, tac Marina Mayoral ofrécenos unha escolla daqueles libros que marcaron a súa vida durante a infancia, adolescencia, madurez e sempre. A cita coa escritora de Mondoñedo terá lugar o mércores 3 de maio ás 20:00 na Libraría NUMAX.

Os meus libros da nenez

Chales Dickens, Oliver Twist

Un dos cumios indiscutíbeis da novela social, a máis célebre novela de Charles Dickens denuncia as distintas tipoloxías de abuso sufrido pola infancia na Inglaterra do s.XIX. Segundo sinala Mayoral, «lino aos sete anos nunha versión con gravados románticos, que se titulaba Los ladrones de Londres. Chorei moitísimo e ao acabar e ver que remataba ben, comecei de novo a lelo.»

Edmundo d'Amicis, Corazón

Célebre volume arredor da infancia e a adolescencia conformado como un canto ás virtudes cívicas e a defensa dos sentimentos máis nobres do ser humano. Inclúe famosos relatos breves como «De los Apeninos a los Andes» e «El tamborcillo sardo»

Na adolescencia

Rabindranaz Tagore, Malini Sacrificio Chitra

O descubrimento da obra de Rabindranaz Tagore (1861-1941) supuxo para Occidente o revelador encontro coa rica tradición lírica india que, partindo dos Upanisads, se prolonga até os nosos días. A edición recomendada por Mayoral conta con tradución a cargo de Juan Ramón Jiménez.

Gustavo Adolfo Becker, Leyendas

As Leyendas de Becker son un conxunto de narracións publicadas entre 1858 e 1864 cun carácter íntimo e popular, cunha evocación do pasado histórico caracterizada por unha acción verosímil á que se lle van engadindo elementos fantásticos ou insólitos. Un clásico atemporal.

Máis adiante

Stendhal, Vermello e negro

Concluída en 1829, Vermello e negro trascende o propósito declarado por Stendhal —escribir unha cronica de costumes da sociedade francesa auspiciada pola restauración bornónica— para se converter nun portentoso relato dos movementos do corazón humano e as paixóns da alma.

Gustave Flaubert, Madame Bovary

O grande afán de Emma Rouault é ser a protagonista dunha vida romántica presidida polo amor, que buscará por todos os medios, con aventuras e con amantes, escapando ao tedio, a monotonía e a exasperación que se tiñan apoderado da súa vida. Unha das meirandes novelas da literatura universal.

Jeanette Winterson, Escrito en el cuerpo

Jeanette Winterson, coa súa mirada perversa e o seu exaltado lirismo, escribiu unha apaixonada novela sobre a condición humana, a sorprendente topografía do desexo, os inesperados furacáns da paixón.

Waltraud Anna Mitgutsch, Entre mujeres

No marco das transformacións sociais e políticas vividas por Austria durante o nazismo, a guerra mundial e a postguerra até chegar aos nosos días, asistimos a unha complexa relación de amor-odio entre tres mulleres prisioneiras dun círculo vicioso que configura a historia dunha frustración herdada.

Sempre

Julio Cortázar, Bestiario

Bestiario é o primeiro libro de relatos que Julio Cortázar publica co seu auténtico nome. Oito obras mestras que falan de obxectos e feitos cotiás, pasan á dimensión do pesadelo ou da revelación dun modo natural e imperceptíbel.

25 poemas ilustrados de Miguel Hernández

Achegámonos a obra do gran poeta alacantino a través da edición de Kalandrala, que reuniu a 25 artistas plásticos para levaren os versos de Hernández á linguaxe da arte, a través da pintura, a escultura, o deseño ou a fotografía.

Pedro Salinas, Cartas a Katherine Whitmore

Velaquí un dos documentos máis fermosos da literatura española do século XX: a colección inédita de cartas escritas por Pedro Salinas á profesora estadounidense Katherine Whitmore, a quen coñeceu no verán de 1932 e que se converteu na destinataria de máis de trescentas cartas.

Rosalía de Castro, Cantares gallegos

Libro histórico para a literatura e lingua galega, a importancia da súa publicación en 1863 foi subliñada pola Real Academia Galega ao escoller o 17 de maio, en coincidencia co seu centenario, para instaurar o Día das Letras Galegas.

Emilia Pardo Bazán, Pazos de Ulloa

Gran fresco rural onde Pardo Bazán recrea ao seu gusto o campo galego, violento, sensual, cheo de contrastes sociais e culturais. Novela de aprendizaxe, plasma á perfección o tránsito da inocencia á desencantada madurez.

 

«Tac, tac, tac», actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

Libraría NUMAX |