Os libros de Oriana Méndez

A poeta Oriana Méndez (Vigo, 1984) visita NUMAX no marco do programa "Afinidades Electivas. Encontros literarios en Librarías" que promove a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas. Aproveitamos esta actividade para pedirlle un itinerario bibliográfico cos seus libros de cabeceira.

Fragmentos dun diario no inferno, Antonin Artaud.
Esta peza breve, orixinal de 1929, constitúe, xunto con O Pesa-Nervios, o corazón híbrido da obra de Artaud. Un núcleo mixto e heterodoxo no que a adscrición a un só xénero non parece ser suficiente para caracterizar a súa produción considerada de prosa poética. “Nin o meu berro nin a miña febre me pertencen”, abre este texto de Artaud que reivindicamos xenuinamente poesía.

m-Talá. Chus Pato (Euseino?, 2020)
Din as súas editoras: “a grande perturbadora da lingua e da historia, a xeóloga e a poeta futura. O universo contido nun libro: m-Talá”. Así é, quen soubo ler e perderse e amencer nun lugar distinto, sábeo. ”pregúntome se nesta frase caben todos os teixos da cidade libre de París, as miñas reflexións acerca da linguaxe -a palabra que pecha o edificio da Lingua é a mesma que se abre ao dominio do vento- foi entón posible cruzar…"

O amante, Marguerite Duras (Faktoría K de Libros, 2020)
Texto universal que atravesa unha parte da historia de Francia e concreta a escritura dunha voz única que transita no noso interior coma un río entre os meandros, o Mekong ou o río do noso amor e da nosa infancia, sexa cal for. “Moi pronto na miña vida foi demasiado tarde. Aos dezaoito anos xa era demasiado tarde. Entre os dezaoito e os vinte e cinco anos o meu rostro emprendeu un camiño imprevisto. Aos dezaoito anos, envellecín.”

Esta luz. Volumen I (1947-2004) e Esta Luz. Volumen II (1995, 2005-2019).
Antonio Gamoneda (Galaxia Gutenberg)
Todo o máis que se pode reflexionar sobre a poesía extraordinaria de Gamoneda está nos prólogos de Miguel Casado que introducen os dous volumes. Toda a extraordinaria voz dunha vida -a crueza da ollada espida, o tempo en vertixe e, integramente, esta luz- contense nos poemas de Antonio Gamoneda.

Sombra do aire na herba. Luís Pimentel (Galaxia, 2015)
Se os poemas de Pimentel envolveron o corpo da lectora ou lector que se internase neles, non poderá abandonalos endexamais. Acompañan para sempre e pasan a ser trabe fundamental da estrutura. Non hai herdanza modernista semellante, non hai sombra como a de Pimentel.

Intempériome. Xela Arias (Xerais, 2021)
O Día das Letras Galegas do ano 2021 foi un exercicio de memoria excepcional que recuperou e actualizou unha voz que se encontraba inxustamente pausada, en estado de latencia. En liberdade, Xela pensou e escribiu. Xenuína. É a mesma Xela Arias que pronunciou en Madrid Galicia, nación non recoñecida, que se reivindicou coma unha nena de barrio e vida proletaria, que se construíu a si mesma viguesa por escolla e que se escribiu tan negra, tamén, por elección. A ollada da poeta insubmisa, a cidade insubmisa. Celebramos.

O manifesto comunista. Karl Marx (Xerais, 2015)
A súa perennidade é a do compás, que sempre marca o norte. Que a historia da humanidade é a historia da loita de clases.

Libraría NUMAX |