Itinerarios

Os libros de Pedro Costa

(Fotografía: Óscar Fernández Orengo)

En NUMAX ímonos preparando para unha das citas do ano. O cineasta portugués Pedro Costa visitará o Cinema NUMAX o 23 de setembro para presentar a estrea de Cabalo Diñeiro, distribuído en salas de toda España por NUMAX Distribución. Para irmos entrando en materia achegamos unha relación de textos recomendados persoalmente polo director.

James Agee & Walker Evans, Elogiemos ahora a hombres famosos (Planeta, 2015)

Durante os meses de xullo e agosto de 1936, por encargo da revista Fortune, James Agee e Walker Evans conviviron con tres familias de campesiños algodoeiros do condado de Hale, en Alabama. O resultado desa perturbadora experiencia é Elogiemos ahora a hombres famosos, un dos libros máis orixinais e influentes do século XX, un canto á dignidade humana.

Georg Trakl, Poesía completa (Trotta, 2010)

Considerado como o continuador e sucesor de Hölderlin, o austríaco Georg Trakl inicia a súa obra en tempos das vangardas históricas e, máis en concreto, no movemento expresionista, do que herda a súa preocupación pola descomposición do eu na sociedade moderna, cunha poesía que afonda en sentimentos como a loucura, a anguria, o suicidio, a vellez ou a morte. Dentro da súa Poesía completa, que poderedes atopar na Libraría NUMAX, atópanse dous poemarios especialmente seleccionados por Pedro Costa como referentes do seu traballo: El otoño del solitario [Der Herbst des Einsamen, 1920] e Canción del fragmentado [Gesang des Abgeschieden, 1933].

Edgar P. Jacobs, Blake y Mortimer (Norma)

A finais da década dos 40 o historietista belga Edgar P. Jacobs publica na revista Tintín a primeira entrega das aventuras de Philip Angus Mortimer, físico nuclear de orixe escocesa, arquetipo de intelectual británico, e o capitán Francis Percy Blake, galés, oficial do servizo secreto. Ambos son solteiros e comparten piso, ao xeito de Sherlock Holmes e o doutor Watson, e embarcaranse en ducias de aventuras policiacas nas que non faltan as intrigas internacionais e certas doses de ciencia ficción. Atopámonos ante unha serie fundamental do cómic europeo.

Bertolt Brech, Poemas y canciones (Alianza, 2015)

Célebre antoloxía que recolle as mellores pezas da actividade poética do gran Bertolt Brecht, un dos dramaturgos máis relevantes do teatro contemporáneo cuxas teorías arredor do distanciamento crítico na arte teñen influenciado a numerosos creadores posteriores. A selección de Poemas y canciones respecta o criterio cronolóxico, de maneira que o lector poida seguir a evolución do autor desde a súa etapa xuvenil e anarquicamente rebelde até as obras de madurez do exilio e a posguerra.

Robert Frank, The Lines of my Hand

Descrito como unha autobiografía visual, The Lines of my Hand sitúase como o segundo libro do gran fotógrafo norteamericano Robert Frank, logo do influente Los americanos (1958). Neste traballo, de 1972, Frank foxe da simple fotografía para crear narrativas que agromas de imaxes construídas e collages, incorporando palabras e fotogramas tirados directamente dos negativos. Un dos traballos máis relevantes dun xigante da fotografía moderna.

Fernando Pessoa, O livro do desassossego (Tinta de China, 2015)

Atribuída polo seu autor a Bernardo Soares, «personalidade literaria» de quen dixo Pessoa «son eu menos o raciocinio e a afectividade», esta marabilla é o diario íntimo dun axudante de contábel na cidade de Lisboa nos anos 30. Nel, o protagonista plasma as súas divagacións e ensoñacións así como as súas reflexións estéticas, filosóficas e literarias, contrapoñéndoas ao gris da súa vida cotiá. Inédito até 1982, O livro do desassossego é probabelmente a principal obra en prosa do seu autor.

Karl Kraus, Los últimos días de la humanidad (Hiru Argitaletxea, 2015)

Atopámonos ante unha obra mítica do século XX e un dos cumios da obra de Karl Kraus, canda El minotauro en el laberinto. Todos os seus ensaios, aforismos, panfletos e poemas converxen cara a esta peza de teatro irrepresentábel, que recolle todos os xéneros e estilos literarios, ao igual que a realidade da que fala —a Primeira Guerra Mundial— recollía as máis sutís e até entón inéditas variedades do horror.

Luis Buñuel, Mi último suspiro (Debolsillo, 2015)

Libro de memorias do gran Luis Buñuel que xorde do traballo e a amizade entre o director de Calanda e o guionista Jean-Claude Carrière. Xuntos asinaron obras do calibre de Diario de una camarera, Belle de jour, El discreto encanto de la burguesía ou El fantasma de la libertad. O libro nace espontaneamente das súas entrevistas en España e México durante os intervalos das sesións de traballo, un evocando as súas lembranzas e o outro recollendo as palabras do seu amigo e anotándoas.

Fernand Braudel, El Mediterráneo (Autral, 1997)

O eminente historiador francés Fernand Braudel relátanos unha historia case inmóbil: a do home nas súas relacións co medio que o rodea; historia lenta en fluidez e en transformación, feita de ciclos incesantemente reiniciados. Nun segundo nivel, no seu capítulo Destinos colectivos y movimientos de conjunto, trata sobre a historia social dos grupos e dos Estados, da economía e das civilizacións no Mediterráneo.

Herman Melville, Benito Cereno (Alianza, 2013)

Apenas valorada no momento da súa publicación e esquecida practicamente logo da súa morte, a obra de Herman Melville (1819-1891) foi ocupando lentamente e sen ruído o privilexiado lugar que lle corresponde na historia da literatura. Ambientada no mar, como gran parte da súa obra, Benito Cereno, novela breve publicada en entregas en 1855, é unha historia que abeira o xénero de misterio e, por momentos, o de terror.

Jean Cocteau, Du cinématographe (Rocher, 2003)

Velaquí os artigos, notas, homenaxes (dispersos en xornais e revistas) que Jean Coctecu consagrou ao cinematógrafo de 1925 a 1963, no que se refire a estrelas do cinema clásico (Marlene Dietrich, Jean Marais, Gérard Philipe), cineastas (Charles Chaplin, René Clair, Cecil B. De Mille, S. M. Eisenstein, Orson Welles), filmes doutros (El diablo en el cuerpo, El misterio Picasso, Pickpocket, La sangre de las bestias, El ladrón de bicicletas) ou seus propios (La sangre de un poeta, La bella y la bestia, El águila de dos cabezas, Les parents terribles, Orfeo, El testamento de Orfeo).

Fiodor Dostoievski, Apuntes del subsuelo (Alianza, 2005)

Obra singular dun dos grandes xenios da literatura universal, que reviste especial atractivo para o lector contemporáneo pois constitúe unha das primeiras incursións da literatura no dominio do individuo, nesa corrente da conciencia coa que habería de familiarizarnos tanto a psicanálise como a literatura posterior. A través do turbio narrador paralizado polo tedio, Dostoievski opera unha vivisección do home moderno, o individuo que se rebela disposto a exercer o seu libre albedrío aínda cando este vaia en contra da razón e a conveniencia.

Jacques Le Goff, El nacimiento del Purgatorio

Le Goff fai un percorrido á noción do purgatorio desde a primeira parte do libro, na que agroma a idea dun terceiro lugar, anterior ao purgatorio, que se fai eco de imaxes antigas, da India e Irán, evocando o descenso aos infernos grecorromanos e a sheol xudía. Pouco a pouco a noción dun lugar de refresco vai aparecendo mais a quen o autor considera pai do purgatorio é a San Agustín, nas súas Confesións dedicadas á súa nai Monique.