Itinerarios

Pianos literarios

Aproveitando a estrea de Oleg y las raras artes, no que Andrés Duque nos achega ao excéntrico e xenial pianista ruso Oleg Karavaichuk, propoñémosvos un percorrido a través de libros que subliman desde múltiples puntos de vista a arte creada a través deste instrumento de corda percutida. Alicia de Larrocha, Glenn Gould ou James Rhodes son algúns dos compañeiros desta viaxe musical.

La pianista, Elfriede Jelinek (Debolsillo: 2015)

Erika é unha pianista frustrada que exerce de profesora de piano. Densa e intelixente ao tempo que amarga inmersión na vida dunha muller cuxa forzada soidade e xordo sufrimento é paradigma de moitas vidas de muller.

Alicia de Larrocha, Mònica Pagès Santacana (Alba: 2016)

Alicia de Larrocha está considerada unha das pianistas máis importantes do século XX. Grazas ao arquivo documental que conserva Alicia Torra, filla de Alicia de Larrocha, esta biografía narra con moito detalle a vida desta grande artista que foi pequena de estatura mais inmensa de espírito.

Por el camino de Richter, Yuri Borísov (Acantilado: 2015)

Este formidábel libro, escrito a partir das notas que Borísov tomou durante anos en encontros con Sviatoslav Richter, permítenos adentrarnos no singular mundo dun dos pianistas máis virtuosos do século XX.

El piano: notas y vivencias, Charles Rosen (Alianza: 2005)

Solista de piano de reputación internacional e estudoso do seu repertorio, Charles Rosen condensa neste libro os coñecementos e as experiencias de máis de medio século de dedicación a este instrumento.

Contrapunto, Don DeLillo (Seix Barral: 2005)

Contrapunto trata temas presentes en toda a obra de Don DeLillo: a vida do artista, a natureza solitaria da creación artística e a obsesión pola súa evolución no tempo, ou a relación do artista co seu público.

De la A a la Z de un pianista, Alfred Brendel (Acantilado: 2013)

Un abecedario ideal escrito por un gran pianista: sabio, agudo, esclarecedor e persoal. O vademécum de Alfred Brendel é un libro marabilloso para os amantes do piano, para o músico e para o afeccionado.

Sobre la música, Alfred Brendel (Acantilado: 2016)

Alfred Brendel, un dos pianistas máis notábeis do noso tempo, é célebre polas súas magníficas interpretacións de Haydn, Mozart, Beethoven, Schubert e Liszt, así como por ter rescatado do esquecemento a obra pianística dos últimos anos de Schubert.

Toca el piano, James Rhodes (Blackie Books: 2016)

James Rhodes é autor do bestseller Instrumental e un dos concertistas de piano máis recoñecidos. Agora ensínache a tocar o Preludio nº1 en Do Maior de Bach en seis semanas.

Instrumental, James Rhodes (Blackie Books: 2015)

A música foi a súa salvación. James Rhodes foi vítima de abusos durante a infancia e a súa vida estivo marcada por esa traxedia. Escoitar a Rachmaninoff en bucle durante a súa adolescencia e descubrir o Adagio de Bach nunha á psiquiátrica axudoulle a combater os seus demos e a transformar a súa vida.

El malogrado, Thomas Bernhard (Alfaguara: 2011)

A raíz do suicidio do seu mellor amigo, un home viaxa até o seu antigo fogar en Austria. Alí rememora a paixón que ambos compartían polo piano e a turbia amizade que os uniu, trastocada ao coñecer ao virtuoso Glenn Gould.

Vida y arte de Glenn Gould, Kevin Bazzana (Turner: 2016)

Dotado dunha memoria excepcional, unha mente cunha impresionante organización lóxica, destreza manual e unha incríbel capacidade de análise, as súas gravacións de Bach ocupan un lugar privilexiado na historia da música e, porén, son escasos os estudos biográficos que sobre el se publicaron.

Glenn Gould, una vida a contratiempo, Sandrine Revel (Astiberri: 2016)

Glenn Gould, xenio da música clásica, fascinou ao mundo polo seu talento inaudito, a modernidade das súas interpretacións e a súa estraña maneira de tocar o piano, encorvado e cantaruxando cos ollos pechados.

Una historia natural del piano, Stuart Isacoff (Turner: 2013)

Un relato que nos presenta a Mozart tocando nos cafés de Viena; a Henri Herz divertindo aos mineiros durante a febre do ouro; a Liszt esvaecéndose en brazos do seu axudante mentres o público tolea e a Glenn Gould serrando as patas do seu tallo e cantaruxando mentres toca.