Os libros de Portabella

A propósito da estrea en NUMAX de Informe general II, de Pere Portabella, propoñemos un itinerario por distintos textos que transitan algúns dos principais motivos da obra do autor catalán, que van desde a interpretación da Transición e o actual paradigma de cambio político, até as relacións entre militancia ideolóxica e vangarda artística.

Félix Fanés, Pere Portabella. Avantguarda, cinema i política (Fundació Tàpies: 2008)
Os filmes de Pere Portabella afástanse das correntes centrais do cinema e sitúanse nun territorio máis persoal pero tamén máis inaccesíbel. Este libro fai un percorrido pola súa vida e obra, sen esquecer o labor desenvolvido como produtor nin o seu compromiso coa política.

Rubén Hernández, Pere Portabella (Errata Naturae: 2008)
O primeiro ensaio escrito en profundidade sobre Pere Portabella: cineasta referencial da modernidade cinematográfica e unha figura absolutamente imprescindíbel para comprender a orixe e o desenvolvemento das producións cinematográficas independentes, experimentais e clandestinas a partir dos anos sesenta.

Joaquim Romaguera / Llorenç Soler, Historia crítica y documentada del cine independiente en España. 1955-1975 (Laertes: 2006)
Rigoroso traballo de investigación e recompilación que leva a cabo un detallado repaso ás principais figuras do cinema español realizado ás costas da industria e do aparello oficial do Estado, no que Pere Portabella ocupa unha posición central por mor da súa disidencia artística e ideolóxica.

Emmanuel Rodríguez López, Por qué fracasó la democracia en España (Traficante de sueños: 2015)
Logo de corenta anos de ditadura, a Transición foi representada e explicada como o triunfo da democracia. Porén, neste libro téntase unha interpretación distinta e rompedora.

VV.AA., CT o la cultura de la Transición (Debolsillo: 2012)
Coincidindo co aniversario dos movementos asemblearios do 15 de maio de 2011, varios dos seus membros máis activos reúnense para reflexionaren, á luz dos novos acontecementos, sobre un posíbel final da CT, Cultura da Transición.

Antonio Negri, El poder constituyente (Debolsillo: 2012)
O poder constituínte é teorizado por Antonio Negri como a tradución xurídico-institucional revolucionaria da necesidade de democracia absoluta que sempre inspirou e non deixa de inspirar na actualidade o desexo e a potencia dos suxeitos políticos antagonistas.

José Catalán Deus, Del FRAP a Podemos I: Los años 60 / Del FRAP a Podemos II: Los años 70 (Crónica de Medio Siglo: 2015)
Centos de historias persoais, decenas de proxectos antagónicos entrecrúzanse e compleméntanse creando un fresco social que nunca antes fora examinado no seu conxunto. É medio século nas nosas vidas, o que fixemos entre todos e o que quedou.

Marcelo Expósito, Conversación con Manuel Borja-Villel (Turpial: 2015)
Primeira biografía intelectual e profesional do director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, a través da cal se comentan tamén as sucesivas conxunturas da relación entre a arte, as políticas públicas de cultura e a situación da democracia no noso país desde 1990.

Hito Steyerl, Los condenados de la pantalla (Caja Negra: 2014)
Este libro recolle unha serie de ensaios da videoartista e crítica Hito Steyerl, publicados na revista e-flux, nos que se dá forma a unha crítica da creación audiovisual nas nosas sociedades hipermediatizadas e que inclúe o artigo ¿Es el museo una fábrica?.

Gerald Raunig, La maquínica del arte político. Otras doce tesis sobre la actualización de "El autor como productor" de Walter Benjamin (Consonni: 2014)
O texto de Raunig acumula pasaxes de escritura benjaminiana e outros fragmentos construtivos, para actualizar así as principais teses do ensaio de Benjamin concibindo a arte política de maneira adverbial.

Guy Debord, Comentarios sobre la sociedad del espectáculo (Anagrama: 1990)
O fundador da Internacional Situacionista, Guy Debord, desenvolve unha investigación experimental arredor da libre construción da vida cotiá como contribución á articulación teórica e práctica dunha nova contestación revolucionaria.

Pierre Cabanne, Conversando con Marcel Duchamp (Alias: 2015)
Tradución libre da entrevista ao artista e pintor dadaísta Marcel Duchamp realizada a doce mans por Richard Moszka, Manuel Rocha, Laureana Toledo, Abraham Cruzvillegas, María Gutiérrez e Damián Ortega.

Luis Buñuel, Viridiana (Divisa: DVD)
Pere Portabella produce en 1961 unha das grandes obras mestras de Luis Buñuel, na que irreverencia, naturalismo, surrealismo, humor negro e traxedia danse a man para tecer unha historia inesquecíbel e imprescindíbel.

Antoni Padrós, Antoni Padrós, el cine y sus márgenes (Intermedio: DVD)
Percorrido á obra dun cineasta que, sen se atopar directamente ligado a Portabella, si transitou espazos comúns, ao situarse nas marxes da Escola de Barcelona e desenvolver unha obra na que a experimentación formal se sitúa como o motor dunha certa subversión da orde social e política estabelecida.

Libraría NUMAX |