Os libros de Salomé Lamas

A vindeira convidada da Aula «Os ollos verdes» de NUMAX, a directora portuguesa Salomé Lamas, vén de nos enviar unha relación de textos cos que acompañar a estrea do seu último filme, Eldorado XXI, e írmonos documentando para a súa masterclass do luns 21 de novembro, que levará por título Como eliminar o límite entre a ficción e os feitos?

Doris Lessing, O caderno dourado (Galaxia: 2009)

Publicada por primeira vez en 1962 e considerada unha das grandes novelas do século XX, O caderno dourado conta a historia de Anna Wulf, unha escritora inmersa nunha crise persoal que divide as súas experiencias en catro cadernos de cor diferente.

James Joyce, Ulises (Galaxia: 2013)

O Ulises desenvólvese durante un único día, o 16 de xuño de 1904, na cidade de Dublín. Joyce emprega á parte da corrente de consciencia, a parodia, os xogos de palabras e unha variada e ampla gama de técnicas narrativas. Unha obra fundamental na historia da literatura.

Susan Sontag, Against Interpretation (Penguin: 2009)

Novelista, cineasta e realizadora teatral, Susan Sontag ofrécenos uns textos comprometidos, frescos, intelixentes e cheos de suxestións. Trinta anos após a súa publicación, Contra a interpretación é, quizais agora máis ca nunca, o testemuño da vitalidade intelectual dunha das creadoras máis fecundas do noso tempo.

Robert Smithson, Selección de escritos (Alias: 2015)

Robert Smithson foi un dos artistas máis revolucionarios do século XX, a súa obra contén o espírito dalgúns dos meirandes monumentos de civilizacións pasadas, ao tempo que é contemporánea en concepto e execución.

Ryszard Kapuscinski, Ébano (Anagrama: 2000)

Obra mestra do que moitos consideran o mellor reporteiro do século que, ao longo de varias décadas soubo mergullarse no continente africano, sorteando lugares comúns e estereotipos.

Thomas Bernhard, El malogrado (Alfaguara: 2011)

Thomas Bernhard adéntranos nas motivacións máis complexas da psicoloxía humana e reflexiona acerca dos ambiguos sentimentos de admiración, frustración e envexa, da gradual erosión do carácter e da pulsión nihilista que acompaña unha ambición desmedida.

Walter Benjamin, Obra completa (Abada: 2015)

Edición realizada a partir da publicada en Alemaña e editada por Rolf Tiedemann e Hermann Schweppenhäuser. O presente volume inclúe as obras O concepto da crítica de arte no Romantismo alemán, As afinidades electivas de Goethe e A orixe do Trauerspiel alemán.

Luz Pacheco, Comunidade

Acompañado das pinturas de Cruzeiro Seixas, Comunidade sitúase como unha obra central de Luíz Pacheco, escritor portugués que destacou en tempos da ditadura salazarista pola súa crítica intelixente, agresiva e irreverente cara aos costumes sociais e culturais do seu país.

Louise Bourgeois, Destruction of the Father

Atopámonos ante unha das pezas de Bourgeois que amosan maior interese pola psicanálise cunha ollada profunda cara aos sentimentos sobre o seu pai.

Maggie Nelson, The Art of Cruelty

Seguindo a tradición de Susan Sontag e Elaine Scarry, Maggie Nelson emerxeu como unha das principais críticas culturais con esta obra central sobre a representación da crueldade e a violencia na arte.

Libraría NUMAX |