Itinerarios

Letras para Sayat Nova

A recuperación e estrea da metraxe orixinal de Sayat Nova, lévanos a nos mergullar no universo creativo do seu autor, o armenio Sergei Paradjanov quen, segundo o crítico Serge Daney, «é un deses autores (a cada volta máis raros) que fan cinema coma se ninguén tivese filmado antes». Na Libraría NUMAX podedes acceder a unha escolla bibliográfica relacionada co filme, desde estudos teóricos da filmografía do autor, até obras clave da literatura, da que o trobador Sayat Nova constitúe un dos máis singulares exemplos.

Patrick Cazals, Serguei Paradjanov (Cahiers du Cinéma: 1993)
Esta obra constitúe unha das primeiras aproximacións monográficas ao autor de Sayat Nova e responde a unha dobre ambición: sacar á luz os múltiples talentos dun autor profundamente orixinal e enxergar as achegas do cinema de Paradjanov á cultura rusa e caucásica.

Henry-Claude Cousseau, Zaven Sargsyan, Sophie Kaplan (dirs.), Paradjanov le magnifique (ENSBA: 2007)
O catálogo que aquí propoñemos parte da celebración da exposición celebrada en 2007 L'Arménie mon amie, na que a Escola Nacional Superior de Belas Artes de París, en colaboración co Museo Paradjanov de Ereván, recupera a obra plástica do autor, na que destaca a súa querencia cara ao autorretrato e o collage.

Erik Bullot, Sayat Nova de Serguei Paradjanov: la face et le profil (Yellow Now: 2007)
Tomando como punto de partida a frontalidade exacerbada de Sayat Nova, Erik Bullot ofrece unha análise do filme privilexiando diferentes liñas de interpretación como a infancia, a maxia ou o presaxio, para tentar profundar na súa extrema singularidade.

Sayat Nova, Odes arméniennes (L'Harmattan, 2006)
A estrea de Sayat Nova serve de pretexto para recuperar a obra do trobador armenio do mesmo nome, un poeta que despregou a súa obra ao longo do século XVIII facendo de ponte entre tres culturas: a armenia, a xeorxiana e a azerí. Nesta edición bilingüe en armenio e francés achegámonos á primeira tradución completa feita en Europa das súas 47 odas estróficas, revelando a singularidade universal deste poeta irreductíbel.

Ósip Mandelstam, Armenia en prosa y verso (El Acantilado: 2011)
O poeta ruso de orixe xudía-polaca Ósip Mandelstam realiza unha viaxe a Armenia en 1930 que resultou ser extremadamente frutífera para o desenvolvemento do autor, ao retomar con brío a súa obra tras anos de seca. Salientamos aquí os oito textos en prosa titulados «Viaxe a Armenia», así como o ciclo poético composto por doce poemas agrupados baixo o título «Armenia».

Omar Jayyam, Rubayat (Alianza: 2013)
Autor central da literatura persa medieval, Omar Jayyam (1048-1132) achega en Rubayat unha ollada profunda cara ao viño e a beleza, o goce do presente sempre fuxidío e a vaidade da existencia, motivos que converxen nalgúns casos coa obra capital de Paradjanov.

Yalal Ud-Din Rumi, Rubayat (Alianza: 2015 / Ediciones del oriente y del mediterráneo: 1996)
O gran poeta persa Yalal Ud-Din Rumi (1207-1273) representa o cumio da poesía sufí. Nos seus poemas de madurez buscou na música e a danza motivos expresivos, sendo o creador da samá ou danza dos derviches, composta a miúdo en estado de éxtase.