Os libros de Suso de Toro

Para irmos preparando a derradeira entrega do Tac, tac, tac, o martes 19 de setembro, o escritor compostelán Suso de Toro ofrécenos unha relación comentada daqueles títulos que o teñen marcado ao longo da súa vida como lector e escritor.

Xosé Luis Méndez Ferrín, Poesía enteira de Heriberto Bens

Para min é a mellor poesía de Ferrín, alimentada pola carraxe.

Xosé Luis Méndez Ferrín, Percival e outras historias

O libro expresa o mundo do autor e, ao tempo, abre moitos camiños.

Rosalía de Castro, Follas Novas

É, como toda Rosalía, un libro libérrimo. O seu prólogo é un manifesto estético e político.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Cousas

Elegancia, precisión, concepto e sentimento. Maxistral.

Biblia, edición portuguesa

Como libro literario ten momentos de grande altura, gusto da tradución galega pero prefiro a tradución portuguesa pois é unha lingua culta e sen complexos.

William Shakespeare, Macbeth

Na tradución de Marcelino Menéndez y Pelayo, de 1881. Con este libro descubrín a Shakespeare. Fabuloso, misterioso.

Chrétien de Troyes, Percival

Na tradución do meu amigo Juan Renales. Unha introdución ao imprescindíbel ciclo artúrico. Non tería escrito Morgún sen cultivar toda a vida a vea céltica.

Julius Pokorny, Cancioneiro da poesía céltica.

Foi un descubrimento deslumbrante, linguaxe literaria alta e esvelta.

James Joyce, Ulises

Foi un obstáculo formidábel no camiño para escribir, antes e despois do Joyce.

William Faulkner, ¡Absalón, Absalón!

Só un escritor que é dono dun mundo pode escribir así.

Mao Tse Tung, Libro vermello

Foi un devocionario nunha época épica da miña vida.

Aquilino Iglesia Alvariño, Poesía galega completa

Desde Follas Novas ninguén escribiu tan fondo e ben como o Aquilino, case un marxinal na nosa literatura.

César Vallejo, Trilce

Para min dicir poesía é dicir Trilce, por iso non dou escrito poesía.

Ramón María del Valle Inclán Cara de plata

Literatura salvaxe, fermosa e única.

 

«Tac, tac, tac», actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

 

Libraría NUMAX |