VindeLibros

Ao fío de VindeCine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual, promovido pola Consellaría de Educación e Cultura da Xunta de Galicia co gallo da exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia, propoñemos un itinerario bibliográfico para nos mergullar na literatura medieval.

Libro de Margery Kempe, Margery Kempe
Tras case morrer no parto, e serlle negada a confesión polos seus pecados, a dama Margery Kempe emprende un camiño de extraordinarias peregrinacións, que a levarán a visitar Roma, Xerusalén ou Santiago de Compostela entre outros lugares. Esta autobiografía é a única fonte para reconstruír a vida dunha dama burguesa, esposa, nai, muller de negocios, peregrina e visionaria. O libro recolle unha ampla visión da sociedade e vida cotiá dos séculos XIV e XV.d

Lais, María de Francia
Un lai é un poema lírico que, cantado ou recitado, relata unha historia ben coñecida para o público, sen intención moralizante nin didáctica. María de Francia, coa intención de preservalos para a posteridade, recolle esta tradición oral e ponos por escrito, cunha variación moi importante: non levan o texto cantado. Para ela, o importante non é a melodía nin o canto, senón a historia en si mesma. Os Lais de María de Francia, notábeis pola súa celebración do amor, a orixinalidade e viveza das súas descripcións, constitúen un fito na literatura da época.

Cartas de Abelardo y Heloísa, Carme Rieda (Ed.)
Na distancia, Abelardo e Eloísa seguiron comunicándose mediante cartas. A través desta correspondencia, temos a oportunidade de asomarnos sen intermediarios tanto á célebre relación entre profesor e alumna como á sociedade e cultura da Idade Media, co trasfondo da formación da escolástica e o nacemento das universidades.

Viaje de Egeria, Carlos Pascual (Ed.)
A singular dama galega Egeria escribiu o relato de viaxes máis antigo do que se ten noticia. No S.IV. a través das cartas que dirixe ás súas amigas, Egeria narra con intelixencia e frescura o seu longo periplo, no cal, transitando a Via Domitia percorrerá Constantinopla, Xerusalén, Exipto e Mesopotamia...

Mujeres trovadoras de Dios, Émilie Zum & Georgette Épiney-Burgard
Na Idade Media, para unha muller entrar nun mosteiro ou abrazar a vida retirada significaba sobre todo a emancipación. Moitas mulleres preferían o convento antes que os angostos muros domésticos, pois alí poderían acceder á cultura e gozar dun grao de independencia doutro modo impensábel. Os fragmentos que compoñen esta antoloxía proceden da obra de cinco grandes representantes da mística medieval: Hildegarda de Bingen, Beatriz de Nazaret, Matilde de Magdeburgo, Hadewijch de Amberes e Margarita Porete.

Vida y visiones de Hildegard von Bingen, Victoria Cirlot (Ed.)
Intelectual de referencia, como se infire da súa intensa correspondencia cos personaxes mais relevantes da súa época, coma o Papa Eugenio III, Federico I Barbarroja ou Bernardo de Clairvaux, Von Bingen ten unha extensa obra, con escritos sobre as propiedades medicinais das plantas e as virtudes das pedras preciosas e os metais; obras proféticas, impulsadas por unha facultade visionaria que a fixo célebre; e numerosas cancións litúrxicas, que compuxo sen ter recibido educación musical algunha. Unha aproximación directa a unha das figuras máis fascinantes e multifacéticas do Occidente europeo.

La ciudad de las damas, María-José Lemarchand (Ed.)
As figuras alegóricas da Razón, a Xustiza e a Rectitude conversan coa escritora Christine de Pizan e convídana a construír unha cidade para mulleres famosas do pasado e para mulleres virtuosas de todos os tempos, nun mundo feito para os homes. Considerada a primeira escritora profesional, dela dixo Simone de Beauvoir que é «a primeira vez que vemos a unha muller tomar a súa pluma en defensa do seu sexo».

Cuentos de Canterbury, Geoffrey Chaucer
Na Pousada do Tabardo, sucédense os contos dun variopinto grupo de peregríns. Van camiño de Canterbury, e forman unha comitiva do máis variada, representan practicamente todas as variantes da clase media da época. Non son unicamente entre eles moi variados, tamén o son os seus contos, o que permite amosara as diferentes personalidades a través das súas seleccións narrativas e da súa forma de contalas.

Martín Codax e os xograres do mar de Vigo, Xosé Ramón Pena
Da man deste libro, viaxaremos 700 anos atrás no tempo, até o momento da composición destes cantares de amor, de amigo e tamén de burlas e ironías, que nos seguen emocionando a día de hoxe. Cantigas e versos que non caducan.

El libro de las maravillas del mundo, Marco Polo
Descripción das viaxes de Marco Polo, de máis de vinte anos de duración, polas terras do Oriente, «os reinos dos confins do mundo» para os europeos do século XIII, que sentían incredulidade e unha irrefrenábel atracción polas marabillosas historias que relatan as súas páxinas.

Decamerón, Giovanni Boccaccio
Fuxindo da peste de 1348, dez rapaces florentinos refúxianse nunha villa no campo. Para pasar o tempo, túrnanse para contarse contos. A partir desta premisa, sucédense cen relatos, que van do erótico ao tráxico, reúnen os máis diversos aspectos da vida humana e conforman un dos grandes libros da historia universal.

La lira d'Espèria II Galicia, Jordi Savall [CD]
O músico catalán Jordi Savall recrea as pezas procedentes do manuscrito das Cantigas de Santa María. Compiladas polo rei Alfonso X «son a fonte máis importante de todas clases musicales, vocais e instrumentais na época». Esta gravación quere ser un intento de recrear certa arte do son de arco a través do tempo e sobre todo facer unha homenaxe a todos os xograres, músicos e poetas.

Divina comedia, Dante Alighieri
Síntese da filosofía e pensamento da sua época, é considerada unha das cimas da literatura universal. Nesta edición, que levou o premio ao libro mellor editado en 2003, a obra preséntase en tres tomos de gran formato que se corresponden coas tres grandes partes do poema: Inferno, Purgatorio e Paraíso. Nesta primeira parte, nárrase como o autor, Dante, descende ao inferno acompañado polo poeta latino Virxilio, e o que alí atopan.

Libraría NUMAX |