Itinerarios

Joaquín Jordá, tradutor

Joaquín Jordà naceu en Santa Coloma de Farners en 1935 e faleceu en Barcelona o 24 de xuño de 2006. Ademais dos filmes polos que é coñecido (de Día de los muertos, Dante no es únicamente severo -canda Jacinto Esteva-, Numax presenta, Mones com la Becky, Veinte años no es nada, De nens, por caso), traduciu por volta de 150 libros e escribiu uns 30 guións de cinema, entre os que El Lute: camina o revienta, El Lute II: mañana seré libre (Vicente Aranda) ou Pau i el seu germà (Marc Recha). Nos anos 70 viviu en italia a carón dos grupos Lotta Continua e Autonomia Operaia, filmou para o PCI e fixo amizade con Toni Negri e Nanni Balestrini, aos que tamén traduciu ao español.

Nos anos 70, Jordà viviu en italia a carón dos grupos Lotta Continua e Autonomia Operaia, filmou para o PCI e fixo amizade con Toni Negri e Nanni Balestrini, aos que tamén traduciu ao español. Comezou moi novo a traducir para Janés (antes de Plaza-Janés), traballou para Tusquets e Lumen e fixo case enteiros os primeiros catálogos de Jorge Herralde para Anagrama, onde dirixiu tamén a colección de Cuadernos de Cine.

Son del as Memorias de un cineasta bolchevique (Dziga Vertov) e moitos Breton, Stendhal, Baudrillard, Robbe-Grillet, Sciascia, Tabucchi, Magris, Bufalino, Pennac, Calasso ou Simenon, co que tentou traspór á tradución o seu ritmo na escrita: o primeiro día unha páxina, o segundo dúas, o día dez, dez paxinas e tiña o libro acabado.

“Sempre tentei que traducir fora unha especie de pasión e, para iso, cómpre un descubremento permanente. A maneira -máis ou menos ficticia- era non ler o libro, ilo descubrindo segundo o ía traducindo. É evidente que isto non se pode dicir en público, pero creo que é así: traducir é un traballo, pero pode ser apaixoante. Pero para que así sexa cómpre enfrontarse a cada páxina con mentalidade de lector, de lector que se apropia do libro segundo a segundo, minuto a minuto. Claro que desta maneira pódeste trabucar moito, pero logo revísase.

(…)

Traducín principalmente do francés, do catalán, do italiano (vivín alí uns anos) e do portugués. Tamén traducín un libro do inglés (La caza del Snark, de Lewis Carrol), aínda que non teño nin idea de inglés.

(...)

Con 17 anos escribín algo eu. Rematei un libro de contos e presenteino a un concurso. Quedei segundo, o primeiro ganouno Mario Vargas Llosa. Ofendeume tanto que decidín non volver escribir nunca máis. Tiña unha novela moi complexa na cabeza, que precisaba 40 ou 50 volumes, pero caín no vicio do robbe-grilletismo, ao que se lle dicía “técnica obxectiva de narración”, na que non podía haber unha voz interior, un pensamento, só se podía escribir o que se tiña diante dos ollos, behaviorismo puro. Deume tempo a ver que para escribir que alguén metía o dedo no nariz levábame seis páxinas. Ao final aburrinme tanto que decidín que o cinema era moito máis rápido e paseime a el."

A imaxe de Jordá é de Óscar Fernández Orengo

Texto: Ramiro Ledo