Itinerarios

'La mina' e o realismo socialista

Ediciones Akal reeditou no 2013 La mina, primeira novela de Armando López Salinas publicada en 1959. Un volume a cargo de David Becerra Mayor que suma á edición comentada do texto un moi sólido estudo contextual.

Na última década, e coincidindo coa derruba do réxime do 78 e a súa orde simbólica, a chamada Cultura da Transición, multiplicánse os cuestionamentos sobre a historiografía da narrativa española desde o advenimento do franquismo. Edicións coma esta procuran dar luz a unha xeración postergada, a do chamado realismo social —xa que non se podía dicir directamente socialista—, por motivos tanto políticos como estéticos.

A traxectoria de Salinas, Jesús López Pacheco, Antonio Ferres ou Alfonso Grosso foi truncada polo aparato polo seu empeño políticamente consciente, pero tamén opacada polo estamento crítico, que os bautizou como «os da verza», expresión que quería exemplificar tanto as temáticas elixidas como a súa pretendida ausencia de complexidade ou voo formal, o seu «marxismo vulgar». Os case trinta anos transcorridos desde a última edición dunha novela chave como La mina e a súa total desaparición dos manuais de literatura contemporánea dan fe diso.

Fronte ao materialismo histórico desta xeración preconizáronse outras poéticas coetáneas. A do chamado realismo crítico ou obxectivista, que ‘presentaría’ as cousas, sen engadir xuízos de valor, representada por Carmen Martín Gaite, Ignacio Aldecoa, Rafael Sánchez Ferlosio o García Hortelano; a de Juan Benet ou Luis Martín-Santos, máis preocupados polo risco formalista. Poucos anos logo, chegaría o realismo máxico.