Lecturas para o verán

O verán pode ser propicio para textos curtos, pero tamén para atreverse, grazas ao maior tempo dispoñíbel, con cousas máis extensas.

Los condenados de la tierra, Frantz Fanon | Txalaparta

Un clásico de 1961 nunha das súas escasas edicións en castelán. Culminación da obra de Fanon, unha adaptación da teoría marxista ao contexto colonial que se converteu en precursora dos estudios poscoloniais. África levanta o brazo.

Relatos americanos, Ataque Escampe / Misha Bies Golas

Este volume autoeditado traza unha road movie a través de trinta e seis textos ilustrados por Bies Golas, completándose cunha suite musical que se pode descargar en MP3. Unha boa oportunidade para achegarse ás peripecias do grupo, sempre a cabalo entre o afán e a naturalidade.

El autor como productor, Walter Benjamin | Casimiro

Conferencia lida en abril de 1934 no Instituto para o Estudo do Fascismo que os emigrantes alemáns, expulsados polos nazis, fundaran en París. Sesenta páxinas onde cuestións como autoría, contido, forma ou condicións de produción locen coa claridade da auga. A miúdo co alemán parecen sobrar o resto de libros de estética.

Por tu propio bien, Barbara Ehrenreich / Deirdre English | Capitán Swing

«150 años de consejos expertos a las mujeres», reza o seu subtítulo, e todos eles —até o da súa data de publicación, 1978— atravesan este asombroso traballo de campo. De como a muller se viu desaloxada dos seus dominios —o coidado do fogar, a saúde da familia, o embarazo e o parto, etc.— pola irrupción de varóns, baixo a coartada da ciencia. Amigo, vaste sentir culpábel, e non vai ser dabondo.

El asesino dentro de mí, Jim Thompson | RBA

Inclemente e parco, pero tamén retranqueiro, as andaduras do axudante do shériff nunha pequena vila son unha especie de psicanálise sen xerga retórica. Ao lado da obra de Thompson case todo parece edificante, e ornamentado. Case nin é de xénero.

Hay clases sociales, Equipo Plantel / Joan Negrescolor | Media Vaca

Entre 1977 e 1978 publicáronse unha serie de catro libros ilustrados de contido sociopolítico para os lectores máis novos (nenos e nenas a partir dos sete anos): Hay clases sociales, Las mujeres y los hombres, Cómo puede ser la democracia e Así es la dictadura. Agora, Media Vaca reedita aquela colección do Equipo Plantel con novas ilustracións. Para que os nenos se enteren das cousas antes que os pais.

Rituales de resistencia, Stuart Hall | Traficantes de sueños

Unha das obras fundacionais dos Cultural Studies. Fronte á sociedade coetánea, incapaz de ver nas culturas xuvenís de posguerra (mods, skinheads, rastas, rudies, hippies) máis que espectáculo ou violencia, Stuart Hall —sociólogo antillano— e os seus compañeiros desenvolveron unha análise histórica focalizada na noción de clase.

Tempo de exilio, Joseba Sarrionandia | Faktoría K de Libros

A primeira antoloxía poética deste autor en edición bilingüe galego-éuscaro, realizada por Isaac Xubín. Fala Sarri, o desaparecido, o da canción, nuns versos secos, recios, apaisanados.

Sobre el deporte, Pier Paolo Pasolini | Contra

Calquera cousa que dixese Pasolini parece ser de actualidade; as súas opinións, heterodoxas, pasionais e concisas, teñen hoxe carácter anticipatorio. Meses antes da súa morte apareceu retratado xogando ao fútbol, nun partido entre os equipos de rodaxe de Novecento e Saló. Este libro certifica a súa consabida querenza pola cultura popular.

Situaciones berlinesas, Raul Zelik | Txalaparta

No Berlín de finais dos noventa, un grupo de amigos que xa fixeron os trinta viven nunha casa compartida. Un paseo polos ambientes alternativos e activistas, onde, como non podería ser doutra maneira, tamén hai despropósitos e vaidades. Zelik, novelista ademais de politólogo, intenta non mirar demasiado dende arriba.

Libraría NUMAX |