Itinerarios

Lecturas para o verán (III)

Neste novo capítulo de recomendacións estivais, Irma comparte algúns dos títulos que leu este verán

Imaxe: Gloria Vilches

Anne Carson, Eros (Dioptrías : 2015)

Fermoso ensaio. Para revisitar os clásicos, e para lembrar que as orixes da creación poética (e non) están vencellados ao erotismo. Ensaio culto, poético, e evocador da man dunha das máis importantes poetas canadianas. Para pensar e gozar.

Maylis de Kerangal, Reparar a los vivos (Anagrama : 2015)

Artella narrativamente unha serie de vidas conectadas a raíz dun feito de excepción: un transplante de corazón. O relato combina a escrita de precisión sen concesións a sentimentalismos cun ritmo narrativo vertixinoso, en parte motivado pola condensación temporal. Apta para hipocondríacos.

Hjalmar Söderberg, El juego serio (Alfabia : 2013)

Publicouse en 1912. Narra unha historia de amor e infidelidade na Suecia de finais do XIX e principios do XX. Pero á trama novelesca subxace a reflexión sobre literatura e vida.

VV.AA, Ejercicios de ocupación. Afectos, vida y trabajo (Polígrafa : 2015)

Mercat de les Flors, Institut del Teatre e Ediciones Polígrafa tiran o 5º número da serie CDL- Danza y Pensamiento, que reúne unha serie de textos e entrevistas editados por Ixiar Rozas e Quim Pujol. Os temas xiran arredor do afecto, a intimidade, o traballo e a propia produción de pensamento desde unha perspectiva crítica. Hai textos propiamente de crítica e tamén aproximacións máis libres, mesmo líricas. Moi recomendable.

Charlotte Brönte, Jane Eyre (Debolsillo : 2014)

Cando un remata libros como este só cabe unha pregunta, producida por un sentimento de desazo: ¿e agora que vou ler? Supoño que é unha maneira un tanto impresionista de definir un clásico.

Un libro para ficar nel unha boa tempada.

Clarice Lispector, Uma Aprendizajem ou o Livro dos Prazeres (Relógio d’Água : 2013)

Relectura. Púxenme nerviosa ao facer a maleta sen libros de Lispector. Como o tiña enriba do escritorio, incluíno para paliar posibles ansiedades. E, ao pasar os días, non me puiden resistir a reler a historia de Loreley e Ulises.

Cabe todo un mundo nesta lectura...

Marian Engel, Oso (Impedimenta : 2015)

“Oso, solo soy una humana. Desgárrame la fina piel con las zarpas. Soy frágil. Para ti es fácil. Escarba y arráncame el corazón, una larva bajo un tronco”

Gloria y Julio Vilches, Sálvora (Pusilánime nº11 : 2015)

      Los destellos del faro, barrenderos del cielo, se abren difícil camino en la oscuridad

Gloria Vilches veu visitarnos este estío e agasallounos con esta alfaia. Artefacto, artiluxio poético. Un acordeón de papel que contén por un lado a impresión do filme en super8 rodado por ela mesma na illa de Sálvora, onde o seu tío Julio é fareiro; e polo outro, unha selección de extractos dos libros de servizo do faro, bitácora poética de Julio Vilches que arranca en 1980 e chega a 1994. É sinxelo e fermoso. Estremece esa combinación entre o rexistro do que pasa, o cotiá, e o fulgor da poesía.