Os libros de João Nicolau

O cineasta portugués João Nicolau visita NUMAX dentro da 13ª edición de Curtocircuíto para presentar a longametraxe John From e impartir a Aula «Os ollos verdes» que, baixo o título de Só pracer: música e cinema fará un percorrido por toda a súa obra, facendo especial énfase na estreita relación establecida entre música e imaxes. Achegamos agora unha selección de libros escollidos polo director lisboeta especialmente para a Libraría NUMAX.

Machado de Assis, Memorias póstumas de Brás Cubas (Eneida: 2012)

Aínda que se adscribe comunmente á corrente realista, o brasileiro Joaquim Maria Machado de Assis (1839-1908) manifestouse nalgúns ensaios esquivo a tal etiqueta, reclamando para as letras en lingua portuguesa unha vía propia e independente dos modelos europeos, sobre todo franceses. Memorias póstumas de Brás Cubas é unha novela que sorprende pola modernidade e a variedade dos recusos formais que emprega, polo seu peculiar punto de vista narrativo, o seu humor distanciado e irónico e a súa preocupación existencial.

Raduan Nassar, Un vaso de cólera (Sexto Piso: 2016)

Os violentos exabruptos –sofocados por intensos momentos de paixón e de rapto amoroso– son detonados polo encontronazo de dúas personalidades fortes e dominantes. El tenta subxugar a súa parella erixindo un templo no que el se convirta no centro de adoración. Mais ela é lista de máis e ten sempre a frase precisa para deter as estocadas do seu amante.

Louis Ferdinand Céline, Muerte a crédito (Debolsillo: 2012)

Logo da magnífica Viaje al fin de la noche, Céline continuou desenvolvendo estilo en Muerte a crédito. A transposición literaria da vida do autor continúa aquí coa evocación dos anos de formación do protagonista nun ambiente familiar abafante, sobre o fondo dun mundo disparatado, feito de miseria e fealdade.

Adolfo Bioy Casares, La invención de Morel (Alianza: 2015)

Estraña historia de amor protagonizada por un home e unha muller que viven existencias incompatíbeis en espazos e tempos rivais. O talento de Adolfo Bioy Casares desprega unha odisea de prodixios que, se nun primeiro momento non parecen admitir outra clave que a alucinación ou o símbolo, son logo descifrados plenamente mediante un postulado fantástico, mais non sobrenatural.

Robert Walser, Historias de amor (Siruela: 2010)

Dos máis de mil relatos curtos escritos por Robert Walser uns cen versan sobre o amor. Volker Michels, xermanista e autor do epílogo que acompaña esta edición, seleccionou en 1978 oitenta e ordeounos cronoloxicamente. Estes relatos demostran a gran variedade do rexistro expresivo de Robert Walser e dan fe da evolución dun autor que tiña un concepto pouco convencional do amor e o erotismo.

Paul Gauguin, Noa Noa: diario de Tahití (Parsifal: 1998)

Precursor da arte moderna, presenta no seu caderno íntimo, Noa Noa, páxinas manuscritas, pinturas de acuarelas e gravados das máis belas obras mestras descoñecidas e reproducidas aquí na súa integridade.

Robert Crumb, Robert Crumb (Paris-Musées: 2012)

Primeira retrospectiva do meirande autor de banda deseñada dos últimos 50 anos: Robert Crumb. Entre os pioneiros da banda deseñada underground aparece como unha figura mítica da contracultura americana. Os seus relatos satíricos transgreden os xugos morais e achegan unha ollada aceda cara á sociedade do seu país.

Daniel Clowes, Paciencia (Fulgencio Pimentel: 2016)

Paciencia é a primeira novela gráfica orixinal de Daniel Clowes nun lustro, a máis longa da súa carreira e un dos seus mellores traballos. Paciencia é a historia dun amor imperecedeiro e un thriller a cabalo entre o noir e a ciencia ficción.

Adrian Tomine, Intrusos (Sapristi: 2016)

Adrian Tomine reafirma o seu don para capturar emocións e pensamentos sobre o peso do amor e da súa ausencia, o orgullo e la decepción na familia ou a ansiedade e a desesperanza de sentirse vivo no século XXI.

Charles Burns, Agujero negro (La Cúpula: 2013)

A mediados dos 70, unha pandemia que só afectaba aos adolescentes invadiu as aforas de Seattle. Chamárona o andazo dos quinceañeiros e manifestábase a través de síntomas do máis impredecíbel.

Luis de Camões, Sonetos

Considerado por boa parte dos especialistas como o mellor libro de poesía portuguesa, Sonetos reúne cincuenta sonetos nos que a voz do autor é ao mesmo tempo, intimista (o suficiente para relatar ou referir un conxunto de experiencias amorosas particulares) e universal (ao conferir a esas experiencias un carácter de reflexión de valor máis amplo).

Mário-Henrique Leiria, Contos do Gin-Tonic

Mário-Henrique Leiria (1923-1980) é un dos nomes maiores das letras lusas e un dos grandes autores de culto do século XX. Un obreiro das literaturas alternativas como tradutor ou escritor de xéneros de vangarda. Contos do Gin-Tonic, de 1973, está considerada a obra mestra do autor.

Fernando Assis Pacheco, Walt

Publicada por primeira vez en 1978 e nunca máis reeditada, esta noveleta marcou a estrea de Fernando Assis Pacheco nos dominios da prosa de ficción e desde logo que se constata nela aquela desenvoltura estilística e apurado sentido do humor que virían marcar, pasados moitos anos, obras mestras como Trabalhos e Paixões de Benito Prada.

Dennis McShade, Requiem Para D. Quixote

Requiem para D.Quixote é a segunda entrega da maxistral saga protagonizada por Peter Maynar, o asasino profesional creado polo escritor portugués Dennis McShade.

VV.AA., Poemas de amor del Antiguo Egipto

Escrito por escribas cara ao 1500 antes da nosa era en papiros, anacos de pedra caliza ou cuncas, os Poemas recitábanse en público nas rúas, nas tabernas e nos campos, acompañados dun harpa, laúde, tambor ou palmas.

Libraría NUMAX |