Os libros de Alejandra Pombo

A artista Alejandra Pombo participou na primeira xornada dos Discursos en acción e para acompañar a súa visión da arte e do mundo deixounos un pequeno itinerario bibliográfico que agora compartimos con vós. Faremos o mesmo cos outros cinco artistas participantes nos Discursos, porque amamos os libros e porque este ciclo está organizado pola nosa Libraría.
 

1. Technic and magic de Federico Campagna (Bloomsbury, 2018)
Este libro recomendoumo recentemente un amigo poeta, artista dixital e programador, Eugenio Tiselli. Tenme fascinada e obsesionada. Segundo Campagna, existimos no cosmos da técnica: un universo baseado no número, na linguaxe, no medible, o seriable e o intercambiable. En contraposición Campagna entende o cosmos da maxia como aquelo que emana do inefable e como unha forza facedora de mundo. Non se trata de rematar coa técnica, senón de que a realidade non quede reducida a ela a través dun entendemento da realidade en forma de paradoxo.

2. Spangberguianismo de Mårten Spångberg (Desiderata, 2018)
Este libro é para fliparse, tanto que xunto coa artista María Jerez, traducímolo do inglés ao castelán para poder compartir, un pouco máis alá, o noso flipe. Esta é a miña visión: é un libro cheo de ironía pero nada cínico, que te fará rir ata a medula das penurias e incongruencias do sistema da arte, pero que non che deixará chorando senón cheo de esperanza. Aínda que o libro estea focalizado no ámbito da danza pódese trasladar ao da arte en xeral. Mårten é un coreógrafo sueco que dende que o coñecín no 2004 converteuse nun cómplice fundamental para min para poder navegar nos mares, a veces marabillosos e outras veces non tan apracibles, do que conleva isto de ser artista. A edición que fixemos en castelán distribuímola de forma gratuíta e aínda teña algúns exemplares por si alguén está interesado, senón tamén se pode descargar aquí: https://eprints.ucm.es/60731/

3. Teoría do lugar de Estevo Creus (Edicións do Castro, 1999)
Este é o primeiro libro que lin de Estevo e iso fíxoo tan especial, pero podería recomendar calquera dos seus libros. Comecei a amar a poesía e escribila grazas a el. Débolle un mundo.

4. Los hermosos años del castigo de Fleur Jaeggy (Tusquets Editores, 2009)
Un libro que me impresionou tanto que me da medo volver a relelo. Apaixóname o modo en que está escrito. E así é como o lembro. Non podo dicir máis.

5. Oscuridad total de Renata Adler (Sexto piso, 2016).
Descubrín a esta escritora por unha atracción a primeira vista polo título e a portada do seu libro Pitch Dark (NYRB Classics) e esa atracción converteuse en namoramento ao lela. Deleuze e Guattari escriben nalgún sitio que non se trata de estar nas marxes producindo unha alternativa, senón de estar no medio cambiando a velocidade. E a de Adler vai a toda pastilla. Unha viaxe interestelar. Distancias enormes en cuestión de palabras. Apaixonante.

 

«Discursos en acción», actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

Libraría NUMAX |