Os libros de Antón Blanco

Aproveitamos a visita do poeta Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996) dentro do programa de animación lectora “Afinidades Electivas. Encontros literarios en Librarías” que organiza a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas para pedirlle un itinerario bibliográfico.

Che cos'è il contemporaneo?, de Giorgio Agamben
Un dos ensaios breves máis fermosos do filósofo italiano. A súa achega para o pensamento do tempo na tradición mesiánica de Walter Benjamin é capital na actualidade. O contemporáneo é alguén que ve, desde as fendas do tempo secular, a escuridade dunha estrela que aínda non chegou onda nós. Poucas veces, como na escrita de Agamben, foi tan necesario o pensamento poemático para esclarecer conceptos filosóficos.

Malina, de Ingeborg Bachmann
A única novela completa da poeta de Klagenfurt é un monumento literario. Nela non se nos vén dada ningunha concesión innecesaria para cos mecanismos clásicos da narrativa. Incluso os alicerces máis fortes do xénero saen danados de Malina, unha peza que coido máis que necesario traducir ao galego.

Morte de Amadís, de Méndez Ferrín
Este brevísimo poemario publicousa orixinalmente como libro-obxecto canda ás litografías de Alberto Carpo na Colección Tabelaria. A edición de Era na selva de Esm rescatou do esquecemento -sen ilustracións- máis unha xoia agochada na obra de Ferrín, na que unha refinadísima voz poética nos leva aos últimos intres da vida do vello Amadís de Gaula, quen disolve o seu rostro en ondas infinitas no mar da morte.

Preparaçao para a noite, de Jaime Rocha
A poética de Jaime Rocha coñece ben o vello oficio da epopea. E coñece tamén os lindeiros dos mundos da ficción e a poiese. Raro é atopar en escritas contemporáneas un manexo tan fino e tan radical de conceptos arcaicos como os de heroe, peripecia, mito... sen deixar xamais a un lado unha lírica exquisita.

La maladie de la mort, de Marguerite Duras
Un de tantos textos breves que podemos atopar na obra de Duras, coma un pequeño artefacto cargado de potencias: unha novela, unha peza teatral pronta para escenificar, unha película... A palabra de Duras ten o poder da videncia, da captura eidética de formas sutís da materia. E aí está tamén o mar, sempre a carón dos que ven a morte.

Libraría NUMAX |