Novelas e ensaios para un verán total

Este verán protéxete do sol, bebe moita auga (sen plástico, mellor), bebe, en xeral, o que che preste e baila en festivais e verbenas. Pero sobre todo, escolle ben as lecturas que te han acompañar. Desde a Libraría NUMAX, deixámosche algunhas propostas:
 

El Gatopardo
Unha xanela a un mundo perdido, un pasado vibrante e cheo de olores, que te abordan e te levan canda eles. O sol quenta a terra de Sicilia, e no silencio escóitanse como avanzan as formigas. Mentres, os cimentos da fortuna dos Salina ameazan con sucumbir ante os fortes ventos de cambio que chegan á illa.

Bajo la red
Apaixoante reinvención da novela picaresca. Dous diletantes, buscando darlle sentido ás súas disipadas vidas, quedan atrapados nos múltiples enredos do burbulleante Londres e son arrastrados nunha aventura revolucionaria.

El final del affaire
Se che gustou La única historia, disfrutarás con esta novela sobre a paixón amorosa, sobre o desexo, o medo, a traizón, a desconfianza, os celos e a verdade... Aviso: o epílogo de Vargas Llosa pode deixar mal sabor de boca.

Infamia
Refréscate no ambiente chuvioso e neboento deste thriller psicolóxico para descubrir toda a verdade sobre o misterioso caso da desaparición das irmás Giraud.

La vegetariana
Cando Yeonghye decide deixar de comer carne, ninguén pode anticipar o que se vai desencadear ao seu redor. Este acto de liberdade individual perturba totalmente tanto a amigos como familia, desatando respostas de inusitada violencia.

Fin
É probable que pasaras con Karl Ove Knausgard os teus últimos veráns. Se foi así, esta é a túa lectura estival para o 2019 sen lugar a dúbidas!

Los asquerosos
Todo un fenómeno editorial (tamén na libraría NUMAX!). Lémolo e gustounos moito, ideal para que as esperas se fagan máis curtas.

Revolución
33 días na vida do profesor Espinosa. Un relato frenético salpicado de perversións, novas tecnoloxías e modos de vivir distópicos estrañamente familiares. Gustarache se che gustou Kentukis ou Cuatro por Cuatro

Natura
Se gozaches d´O conto da criada non podes perder esta novela. Dúas mulleres, nai e filla, emprenden a máis radical das fuxidas, na procura da salvación. Pero só unha poderá entrar en Natura, a reserva artificial onde se refuxian as Elixidas.

Los mejores días
A sorprendente voz da arxentina Magali Etchebarne guíanos a través duns días de loucura luminosa neste libro de relatos.

Le lambeau / El colgajo
Un dos títulos máis agardados da rentrée. A vida tras o atentado do Charlie Hebdo. Data de publicación: 28 de agosto.

Zorro
Nesta obra sorprendente, a cabalo entre as memorias e o ensaio literario, Dubravka Ugrešić convida a viaxar a través de diferentes lugares, linguas e tradicións literarias. Un percorrido labiríntico e perfectamente artellado arredor da mesma pregunta: Como se crean os contos?

Pero ademais, sempre podes mergullarte nas baldas da nosa libraría e topar tesouriños. Para ti é o noso fondo: compracente cos gustos máis exquisitos e as lectoras máis ousadas.

Libraría NUMAX |