Itinerarios

Os libros de «Virtudes (e misterios)»

Este mércores 10 de novembro Xesús Fraga presentaba en NUMAX o seu último libro. Na presentación o autor facía referencia a algún dos libros que o levaron a tecer esta novela. Este é un itinerario formado polos libros que, dun xeito ou outro, axudaron ou influíron no resultado final de Virtudes (e misterios).

Léxico familiar. Natalia Ginzburg. Tradución de Mercedes Corral. Lumen, 2020.
A propia autora admitía que esperaba que este libro, baseado na súa propia experiencia, fose lido coma unha novela. A través das expresións propias de toda familia, introdúcenos na intimidade do seu fogar e reconstrúe tamén varias décadas cruciais da historia de Italia e Europa do século XX.

El olvido que seremos (Alfaguara, 2017) e Traiciones de la memoria (Alfaguara, 2009). Héctor Abad Faciolince.
A historia da vida e asasinato do médico humanista Héctor Abad, contada polo seu fillo: toda unha lección maxistral de narración e, sobre todo, de punto de vista. Traiciones de la memoria contén o texto Exfuturos, que remite a Unamuno e a Henry James, un concepto crucial para os que remoemos nas vidas non vividas.

Tiempo de vida. Marcos Giralt Torrente. Anagrama, 2010.
A reconstrución minuciosa dunha relación familia, pai e fillo, con desencontros, conflictos e reconciliación, e un exemplo perfecto de escrita sobre a figura paterna.

Un comunista en calzoncillos. Claudia Piñeiro. Alfaguara, 2013.
Outro texto sobre un pai, neste caso un emigrante galego en Arxentina. Unha personalidade individual, un tempo e un país, vistos por unha narradora que é quen de conservar certa maxia infantil sen renunciar ás reflexións da madurez.

As voces baixas. Manuel Rivas. Xerais, 2012.
Unha construción e reconstrución da infancia e da adolescencia, no ronsel do Torga de A criaçao do mundo, iso é, unha pescuda na alma e no niño familiar mais unha psicoxeografía, a dunha Coruña que se revela máxica con esta ollada.

Novela familiar. John Lanchester. Tradución de Aleix Montoto. Anagrama, 2008.
Lanchester descubriu cando a súa nai estaba a piques de morrer que fora monxa. E non só unha vez, senón dúas, en Irlanda e na India. A súa investigación, emocional e histórica, lévanos a estes países e ao Hong Kong da Segunda Guerra Mundial, nunha historia que converte o mellor reporterismo en novela.

Psicopatoloxía do retorno. Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo. Galaxia, 2007.
Unha ollada á emigración e ao retorno dende a perspectiva da saúde mental. Analiza con gran perspicacia os desaxustes que se producen nos emigrados retornados cando a vida real non coincide con ese paraíso tantas veces adiado que lles serviu de conforto e motor nos sacrificios da emigración. Unha proposta lúcida para atender esa coda migratoria do retorno, tantas veces agochada ou ignorada.