Itinerarios

O fillo de Saúl: textos

Coincidindo coa estrea en NUMAX d'O fillo de Saúl propoñemos un itinerario bibliográfico que reflexiona arredor dun dos grandes traumas da humanidade no século XX. Os dilemas e debates á volta dos mecanismos axeitados para representar o Holocausto centran boa parte dos textos aquí suxeridos.

Robert Antelme, La especie humana (Arena Libros: 2013)

En 1943, Robert Antelme, mozo de 26 anos, entra na Resistencia. «Non fomos heroes», lembra Marguerite Duras, casada naquela época con Antelme, «a Resistencia veu a nós porque eramos xente honrada». En 1944 Antelme é detenido pola Gestapo e deportado a Alemaña. Buchenwald, Gandersheim e Dachau son as etapas sucesivas desa deportación.

Hanna Arendt, Eichmann y el Holocausto (Taurus: 2012)

Inspirada polo xuízo a un burócrata que contribuíu a provocar o Holocausto, esta obra fundamental sobre a banalidade do mal abraiou o mundo coa súa análise da cegueira moral dun réxime e da insistencia dun home en ser absolto de toda culpa porque «só cumpría ordes».

Georges Didi-Huberman, Imágenes pese a todo (Paidós: 2004)

En agosto de 1944, os membros do sonderkommando de Auschwitz-Birkenau lograron fotografar clandestinamente os métodos de exterminio utilizados. Quédannos catro fotografías daqueles momentos que o texto de Didi-Huberman analiza desde diferentes perspectivas.

Claude Lanzmann, Alguien vivo pasa (Arena Libros: 2005)

O 23 de xuño de 1944, preto de Praga, ultímanse os preparativos para unha visita importante. Por vez primeira o réxime nazi vai consentir unha visita de inspección a un campo de concentración.

Claude Lanzmann, Shoah (Arena Libros: 2003)

Claude Lanzmann responde a un desafío que cuestiona toda reconstrución histórica que non se pense a si propia segundo leis autosuficientes de obxectividade.

Primo Levi, Si esto es un hombre (Austral: 2013)

Texto que inaugura a triloxía que Primo Levi dedicou aos campos de concentración e exterminio que, máis que resgardados por alambradas e gardas, estivérono pola súa propia monstruosidade, que os facía inconcebíbeis.

David Rousset, El universo concentracionario (Anthropos: 2004)

Escrita en 1945, a obra de Rousset ofrece a profunda experiencia e directa reflexión dos campos de concentración de Buchenwald dun supervivente.

Alberto Sucasas, La Shoah en Lévinas: un eco inaudible (Devenir: 2015)

Na base deste ensaio está a convición de que o exterminio nazi dos xudeus europeos constitúe un acontecemento epocal, que marca de xeito indelébel a historia posterior a 1945.

Víctor Klemperer, LTI. La lengua del Tercer Reich (Minúscula, 2001)

Brillante crítica da lingua do Terceiro Reich que constitúe a principal referenza de toda reflexión arredor da linguaxe totalitaria.

Claude Lanzmann, El último de los injustos (Avalon, DVD)

Claude Lazmann recupera, case trinta anos despois, unha serie de entrevistas con Benjamin Murmelstein, o último presidente do Consello Xudeu do campo de concentración de Theresienstadt.

Nicolas Klotz, La cuestión humana (Intermedio, DVD)

A complexa obra mestra de Klotz lévanos á historia dun psicólogo do departamento de recursos humanos de SC Farb que comeza a tomar conciencia sobre as sinistras implicacións dos procesos de contratación de persoal da empresa.

Jean Améry, Más allá de la culpa y la expiación (Pre-Textos, 2004)

Baixo o seudónimo de Jean Améry agóchase a identidade e a historia de Hans Mayer, filósofo deportado que, tras conseguir fuxir do campo de Gurs, uniuse á resistencia antinazi en Bélxica para rematar internado no campo de concentración de Auschwitz.

Primo Levi, Entrevista a sí mismo (Leviatán, 2005)

Autoentrevista que o escritor italiano-xudeu Primo Levi confecciona ante a gran demanda de determinadas respostas ou precisións por parte dos lectores, a partir da publicación dos seus libros, que dan lúcida conta do vivido nos campos de concentración nazi.

Claude Lanzmann, Sobibor 14 octobre 1943, 16 heures (Cahiers du Cinéma, 2001)

Texto do filme homónimo de Claude Lanzmann, no que se narra a única revolta exitosa que houbo nun campo de exterminio. Nela, unha vintena de prisioneiros xudeus mataron a 16 oficiais alemáns, cortaron a luz e a electricidade e conseguiron darse á fuga.

Serge Daney, Perseverancia (Shangrila, 2015)

Volume compilatorio do crítico francés Serge Daney que inclúe o célebre artigo El travelling de Kapo no que se desenvolve toda unha serie de reflexións sobre a(s) representación(s) do Holocausto no cinema a partir dun movemento de cámara do cineasta Gillo Pontecorvo en Kapo, un filme sobre os campos de concentración.