Os libros de Miguel Anxo Rodríguez e Ángel Calvo Ulloa

Ángel Calvo Ulloa, comisario dos Episodios de Creación Contemporánea, e Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC) déixannos os seus libros favoritos en relación a esta nova actividade da Libraría NUMAX que buscará a partir do 1 de xuño o achegamento ás artes visuais a partir do encontro con cinco artistas que empregarán a vitrina do noso espazo como reclamo. Nestes encontros Carme Nogueira, Jorge Varela, Diego Santomé, Rodríguez-Méndez e Carla Filipe presentarán os seus traballos, pero tamén nos achegarán as súas investigacións e procesos creativos.

Os libros de Miguel Anxo Rodríguez:

Gustave Courbet y la Revolución de 1848, Timothy Clark (Gustavo Gili)

Un clásico da historia social da arte. Analiza a obra de Courbet polo miúdo, vinculando formas artísticas e procesos sociais e políticos, na Francia de mediados do século XIX. A tese principal do libro é que a elección do estilo realista en Courbet débese ao posicionamento ético e político do artista, que renegou da tradición académica para se vincular aos movementos políticos revolucionarios.

En torno a la fotografía popular, Carlos Maside (Galaxia, 1951)

Unha reflexión en torno aos códigos de representación na fotografía de retrato en Galicia, asociada coas clases populares, onde se establecen relacións coas artes alleas á tradición clasicista. Unha análise que tende pontes entre formas de cultura popular e trazos distintivos da arte de vangarda, a partir de elementos como a rixidez, o hieratismo, a ollada dos retratados, etc. Foi reeditada e apareceu nas revistas Grial (1998) e Quintana (2002).

El Posmodernismo o La lógica cultural del capitalismo avanzado, Fredric Jameson (Paidós)

Un ensaio, escrito en 1984, para analizar un tempo novo, no que a cultura se separa dos ideais revolucionarios das vangardas históricas e insírese nunha lóxica de mercado. Pero a suposta perda de sentido histórico nos produtos culturais non é tal: segundo o autor, por moi “indiferentes” que se queiran presentar as formas culturais seguen a estar moi atadas ao seu tempo.

The Cultures of Cities, Sharon Zukin. (Blackwell, Cambridge)

A socióloga presenta diversas modalidades de desenvolvemento de iniciativas culturais implicadas en Nova York, nos anos 80. Desde a “alta cultura” (museos e escultura pública) ata os restaurantes de inmigrantes, evidénciase o valor da cultura como motor de revitalización da cidade, á vez que campo de loitas entre grupos por facerse co control do espazo público: o “capital cultural” como elemento en disputa, polo seu grande valor simbólico. Artistas e outros traballadores do ámbito cultural como elemento central nestes procesos, pero sometidos a unha grande precariedade.

Los condenados de la pantalla, Hito Steyerl (Caja Negra)

Recóllense artigos da artista e ensaísta alemá, publicados na revista e-flux nos últimos anos. As reflexións xiran en torno ao papel da imaxe na sociedade contemporánea, e a súa proliferación e difusión por internet: entre a banalización extrema e a subsunción nas lóxicas do consumo acelerado. Atende a autora aos novos tipos de xerarquización e exclusión que se desenvolven na rede a partir da resolución ou calidade da imaxe, e á precarización extrema que caracteriza o traballo dos produtores culturais.

E os libros de Ángel Calvo Ulloa:

Acerca da integración das artes, Luis Seoane (FIGURANDORECUERDO(S) EDICION)
Malia ser unha figura indispensable para o desenvolvemento da cultura galega durante o século XX, os textos de Luis Seoane non contan con destacadas reedicións que os acheguen a estudantes e público xeral. Merece a pena ler os que se inclúen en este volume e indagar máis.

Documentar España. Los artistas, la cultura expositiva y la nación moderna, 1929-1939, Jordana Mendelson (Ediciones de La Central)
Editado con motivo da mostra Encuentros con los años treinta, que tivo lugar en 2012 no MNCARS, neste volume inclúense unha serie de casos de estudio sobre os procesos de traballo en casos coma a construción do Poble Espanyol de Barcelona, a gravación do documental Las Hurdes. Tierra sin pan; as Misiones Pedagógicas ou o proxecto do Pavillón de España para a Exposición de París en 1937.

El Artesano, Richard Sennet (Anagrama)
Sennet iniciou con este libro unha triloxía que aborda o papel do artesano dende un punto de vista inédito. Partindo da noción de cultura material analiza una serie de experiencias que lle permiten ir máis alá da práctica profesional, afondando nos aspectos máis íntimos desa relación que se establece entre o individuoe o oficio que desenvolve.

Itinerários, Ernesto de Sousa (Fundação Serralves)
Ernesto de Sousa (Lisboa, 1921–1988) foi uma das figuras mais complexas e activas do seu tempo, um prolífico artista multidisciplinar e um ávido promotor de sinergias entre gerações de artistas da primeira e da segunda metade do século XX. Defensor de uma expressão artística experimental e livre, dedicou-se ao estudo, divulgação e prática das artes, como à curadoria, crítica e ensaística, à fotografia, ao cinema e ao teatro" Este volume editouse en 1987 con motivo da exposición que a Fundação Serralves lle adicou a Ernesto de Sousa. Contén, entre outros materiais, unha seleceión de textos do propio autor.

O lado da sombra, Anxo Rabuñal (Fundación Luis Seoane)
Dividido en dous volumes, esta edición acompañou a exposición homónima que Anxo Rabuñal comisariou en 2005 para a Fundación Luis Seoane. Nos seus contidos céntrase a actividade cultural non institucional da Galicia dos últimos anos do franquismo e os primeiros da transición. Inclúe textos, entrevistas en video e diversa documentación de gran valor, así como unha escolma da produción en cómic da época.

 

«Episodios de creación contemporánea», actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

Libraría NUMAX |