Cinema

Foco Kenji Mizoguchi. 8 obras mestras en copias recén restauradas

O vindeiro 29 de xaneiro arranca o Foco Kenji Mizoguchi, unha selección de oito obras mestras restauradas que nos achegan a un dos meirandes autores da historia do cinema. Un acontecemento único que terá lugar no Cinema NUMAX até o 28 de maio en colaboración coa distribuidora Capricci.

O Foco Kenji Mizoguchi permitirá ao público de NUMAX gozar nas mellores condicións das principais obras dun artista irrepetíbel. Considerado un dos grandes mestres do cinema xaponés, xunto a Ozu e Kurosawa, o cinema de Kenji Mizoguchi (1889-1956) fascinou desde moi cedo a mozos críticos e cineastas, como os franceses Rivette e Godard, asombrados pola súa posta en escena, composta por elegantes travellings e expresivos planos secuencia. Sendo o seu un cinema profundamente enrraizado na tradición e os mitos do seu país, os filmes de Mizoguchi adoitan encadrarse no melodrama, situando no centro dos seus filmes a mulleres fortes que reivindican o seu lugar nun mundo composto por e para os homes. Isto levouno a ser considerado como un dos primeiros autores feministas do cinema.

Aínda que a súa produción dos anos trinta e corenta acada importantes cotas de mestría, será a comezos dos 50 cando asine sen solución de continuidade as obras mestras que compoñen este Foco e que levou a Jean-Luc Godard a responder:
- Cales son os teus tres cineastas favoritos?
- Mizoguchi, Mizoguchi e Mizoguchi.

Calendario do Foco Kenji Mizoguchi

29 de xaneiro
Contos da lúa pálida
(Ugetsu Monogatari, 1953)

12 de febreiro
A señorita Oyu
(Oyû-sama, 1951)

5 de marzo
Os músicos de Gion
(Gion bayashi, 1953)

19 de marzo
A muller crucificada
(Uwasa no onna, 1954)

2 de abril
O intendente Sansho
(Sansho Dayu, 1954)

16 de abril
Os amantes crucificados
(Chikamatsu monogatari, 1954)

14 de maio
A emperatriz Yang Kwei-Fei
(Yôkihi, 1955)

28 de maio
A rúa da vergoña
(Akasen chitai, 1956)