Cinema

Redúcense os prezos de NUMAX na Escola para o alumnado de Santiago grazas ao apoio da Concellaría de Educación

O alumnado de Santiago de Compostela asistirá durante 2019 aos filmes proxectados no programa NUMAX na Escola por só 2€, grazas ao apoio que vén de anunciar a Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.

Nun acto celebrado na mañá de hoxe, mércores 9 de xaneiro, no Pazo de Raxoi, a concelleira Marta Lois anunciou, en representación da Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, o seu apoio á actividade de NUMAX na Escola durante 2019. A colaboración da concellaría, dun total de 3.000€, irá destinada a sufragar o 50% do custe das entradas para o alumnado pertencente a centros de Santiago de Compostela que participen na actividade. Desde xeito, cada alumno/a que asista a unha proxección do catálogo de NUMAX na Escola pasará a pagar 2€ por entrada (a metade dos 4€ anteriores), o que suporá un pulo moi importante para o crecemento da actividade.

Conscientes da importancia do cinema como ferramenta educativa NUMAX na Escola constitúe unha iniciativa central na actividade de NUMAX desde a apertura da sala. A proposta didáctica de NUMAX inclúe un catálogo composto arestora por máis de 40 filmes postos a disposición do profesorado de todos os niveis educativos (desde infantil e primaria, até secundaria e bacharelato) para a celebración de proxeccións na sala de cinema. Os filmes que compoñen esta selección comparten unha calidade artística probada con seleccións e premios en festivais internacionais, son proxectados en versión orixinal subtitulada (na maioría dos casos en galego) e van acompañados de materiais didácticos que facilitan o seu aproveitamento didáctico antes e despois de cada sesión.

NUMAX na Escola botou a andar coa propia apertura da sala de cinema e foi neste 2018 cando viu completamente consolidada a súa actividade ao recibir a visita de preto de 3.000 alumnos/as. Agardamos que o apoio anunciado pola Concellaría de Educación e Cidadanía constitúa o pulo definitivo para o seu crecemento en 2019.

Podedes acceder ao catálogo de NUMAX na Escola para o curso 2018/2019 para os niveis de infantil e primaria e secundaria e bacharelato. Para máis información sobre NUMAX na Escola podedes chamar ao 981560250 (Xan Gómez) ou escribir a [email protected].