Os libros de Eloy Domínguez

Para acompañar a estrea de No Cow on the Ice, de Eloy Domínguez Serén, achegamos unha relación de recomendacións bibliográficas escollidas persoalmente para NUMAX polo cineasta do Salnés. Teoría do cinema, clásicos da literatura e reflexións sobre a ollada da emigración fúndense neste interesantísimo itinerario.

Jonas Mekas, Ningún lugar adonde ir (Caja Negra, 2008)

Ningún lugar adonde ir é o diario do longo exilio que emprende en 1944, tras fuxir do seu pequeno pobo en Lituania, Jonas Mekas, un dos maiores creadores do cinema experimental. Esa estensa viaxe involuntaria inclúe campos de traballo forzado, campos de refuxiados, desprazamentos obrigados con destino incerto e o seu desembarco en Nova York, onde se instala definitivamente e inicia a súa actividade cinematográfica.

Ryszard Kapuściński, Ébano (Anagrama, 2000)

Seguramente o libro máis influente do considerado por moitos como o mellor reporteiro do século XX, en Ébano, Kapuscinski mergúllase no continente africano, evitando as paradas obrigadas, os estereotipos e os lugares comúns. Un libro extraordinario que confirma unha vez máis que os seus escritos, a cabalo da reportaxe, a historia e a ficción, se sitúan xusto entre Kafka e García Márquez.

Juan Rulfo, Pedro Páramo (Cátedra, 2004)

Unha das obras mestras da literatura hispanoamericana. A historia de Juan Preciado na procura de seu pai, Pedro Páramo, no remoto pobo mexicano de Comala, transporta ao lector a través dun espazo fantasmal baleiro, máxico e misterioso con sorprendentes ramificacións. En 1966 foi adaptado ao cinema polo gran cineasta ourensán Carlos Velo.

Andrei Tarkovski, Esculpir en el tiempo (Rialp, 1996)

Neste volume fundamental para calquera bo afeccionado ao cinema, accedemos ao diario de traballo do gran director ruso Andrei Tarkovski. Un conxunto de lúcidas reflexións que agroman ao afrontar os distintos aspectos da súa tarefa como creador cinematográfico: o guión, os actores, os encadres, a montaxe, a música. Toda unha lección de cinema do autor de filmes capitais como Stalker e Sacrificio.

Robert Bresson, Notas sobre el cinematógrafo (Árdora, 2015)

Mítico libro de reveladores aforismos á volta da teoría e praxe do cinematógrafo na que atopamos deslumbrantes reflexións arredor dos intérpretes —modelos no argot bressoniano—, a montaxe ou a música. Todo un tratado filosófico sobre a linguaxe do cinema escrito entre 1950 e 1974 polo autor de filmes descomunais como Pickpocket, Un condenado a muerte se ha escapado ou El dinero.

Walt Whitman, Hojas de hierba (Austral, 2014)

Obra central da poesía de Walt Whitman, considerado como o maior poeta norteamericano, Hojas de hierba é o supremo canto do Eu e da natureza, do corpo e a alma, da igualdade do home e a muller, das delicias do sexo, a fraternidade e a democracia.

Knut Hamsun, Hambre (Ediciones de la Torre, 2016)

Cumio creativo do gran escritor noruegués Knut Hamsun, marcado pola traxedia persoal, ideolóxica e política. O protagonista de Hambre non ten nome, non ten idade, non se sabe nada da súa orixe ou da súa familia. É un home sen pasado, arrincado, como unha planta, do seu contexto e lanzado ao anonimato e a hostilidade da gran cidade.

Irène Némirovsky, Suite francesa (Salamandra, 2005)

O descubrimento dun manuscrito perdido de Irène Némirovsky causou unha auténtica conmoción no mundo editorial francés e europeo. Novela excepcional escrita en condicións excepcionais, Suite francesa iníciase en París nos días previos á invasión alemá nun clima de incerteza e incredulidade.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Os dous de sempre (Galaxia, 2015)

Única novela de Castelao, Os dous de sempre achéganos a dous tipos universais, Pedriño e Rañolas, que encarnan dúas maneiras de ser de sempre. O primeiro, que ve o mundo desde a perspectiva da ra, sería quen de comer o seu pai polos pés. O segundo, que se fose rico andaría nun cabalo branco, ve o mundo desde a perspectiva alta do paxaro.

Xosé Neira Vilas, Historias de emigrantes

Colección de contos arredor da emigración editada en 1968 polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo e é obra dun dos maiores autores da literatura galega que viviu durante tres décadas da súa vida no exilio en Cuba.

Libraría NUMAX |